Milleiros de persoas no día grande da Feira do Cocido de Lalín, con pregón do embaixador do Xapón
Nomeáronse 10 novos comendadores, entre eles o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da deputación de Pontevedra, Luis López, o escultor Acisclo Manzano e a deportista galega e medallista olímpica,Teresa Portela
Alfonso Rueda presidiu os actos da encomenda
As rúas de Lalín volveron a vestirse de gala para celebrar a 57 edición da feira do cocido. Este ano nomeáronse 10 novos comendadores, entre eles o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da deputación de Pontevedra, Luis López, o escultor Acisclo Manzano e a deportista galega e medallista olímpica, Teresa Portela. Portela dixo que se sentía "moi galega e orgullosa do que temos e cando falo de Galicia falo do cocido de Lalín, que é un cocido de todos que temos que disfrutar e sobre todo temos que seguir conservando as nosas tradicións".
Tamén foi nomeado comendador o embaixador do Xapón en España, que ademais deu o pregón da feira. Takahiro Nakamae afirmou que "desde que cheguei a España hai 40 anos, no Colexio Maior comía cocido e dende entón é o meu prato favorito".
O alcalde de Lalín bromeou co carácter internacional da feira do cocido: "o cocido de Lalín a partir de hoxe é como o reinado de Felipe II, que xa non se pon o sol. Nace o sol no Xapón, dá un salto por Oriente Medio onde non lle teñen moito cariño ao porco, logo aterriza en Europa e imos a América, en todos eses sitios fixemos cocido".
Alfonso Rueda presidiu os actos da encomenda do cocido e percorreu os postos de venda instalados na vila.
A feira do cocido de Lalín, que comezou como unha festa familiar, é un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia. Vai pola edición numero 57 e atrae a milleiros de visitantes dispostos a gozar dos mellores cocidos nun xantar popular e nos restaurantes da vila.
Algúns confesan que veñen por primeira vez comprobar se a sona do cocido de Lalín é merecida.
No campo da feira máis de 40 empresas expoñen os seus produtos e as rúas enchénse de carrozas, comparsas e charangas que animan o ambiente. O porco Queitao encabezou a comitiva.
A festa segue despois de repoñer forzas con bo cocido, con máis música, coa actuación da charanga km, e, a partir das seis e media, coa verbena do cocido na praza da igrexa.