A TVG conta con 54 candidaturas nos Premios Mestre Mateo, que se entregan este sábado
A serie Rapa e a película As Neves, participada pola Televisión de Galicia, encabezan as candidaturas
A cerimonia poderá seguirse en directo pola TVG (22:00); estará conducida por Teté Delgado e contará coa banda sonora de Baiuca
Lalín ultima os preparativos para albergar o evento máis importante do cinema e a televisión galegas coa celebración este sábado da XXIII edición dos Premios Mestre Mateo, que poderán seguir en directo a partir das 22:00 na Televisión de Galicia. A Academia Galega do Audiovisual homenaxeará este ano a script Encarna Alonso e as candidaturas favoritas son para a serie Rapa e a película As Neves, participada pola Televisión de Galicia, que acumula nesta edición nada menos que 54 candidaturas.
Entre elas están as de Juan Fuentes, candidato ao mellor comunicador por Quen anda aí?; Paco Lodeiro por Atrápame se podes. Chanzo arriba e Cos pés na terra, o programa que arrasa en audiencia, ou Bibopalula a primeira serie musical de debuxos en galego.
Os premios saen por primeira vez do circuíto das grandes cidades galegas para celebrarse na capital da comarca do Deza, no Lalín Arena, recinto ao que acudirán unhas 2.000 persoas, entre os invitados pola Academia Galega do Audiovisual e o público.
A Academia repartiu o martes pasado ata 400 entradas para o público xeral nun municipio que, segundo o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, "está completamente envorcado" na celebración dos premios.
"Hai unha diferenza enorme entre facer un evento coma este nun sitio pequeno, como é Lalín, a facelo en cidades máis grandes. A xente está moi interesada e por iso non queriamos que fose un evento pechado, senón abrilo aos veciños", sinala Pérez Becerra en declaracións a Efe.
En canto á propia cerimonia, o presidente da Academia destaca a importancia duns premios que "xa desde hai uns anos pasaron de ser unha festa pequena a converterse nun evento de grandes dimensións", tal e como demostra o Observatorio da Cultura Galega, que no seu último informe considera os Premios Mestre Mateo como "o evento audiovisual máis relevante en Galicia".
A cerimonia estará conducida pola actriz e cómica galega Teté Delgado; mentres que o encargado de poñer banda sonora á velada será o artista e produtor musical Baiuca.
Dirixida pola coreógrafa Marta Alonso, a gala leva este ano por lema "O audiovisual en movemento", con guión da actriz Carlota Mosquera e o actor Manolo Cortés.
Segundo Pérez Becerra, o lema alude por unha banda á danza, xa que se representarán varias pezas de baile, e doutra banda ao movemento do audiovisual galego, que "se move para defender o idioma, os dereitos laborais do sector e para chegar a diferentes partes do territorio".
As candidaturas
A serie de televisión Rapa, con 18 candidaturas; e as películas As Neves, con 13; Honeymoon, con 10; e + Cuñados con 8, parten como favoritas nuns premios aos que acudirán intérpretes como Javier Gutiérrez, Diego Anido, María Vázquez ou Mónica López, directores como Jorge Coira, Margarita Ledo ou Sonia Méndez e diferentes autoridades, entre elas a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz.
Lucía Veiga estará dobremente seleccionada por Na Gloria e As Neves.
Na súa XXIII edición, a Academia outorgará tamén o Premio de Honra Fernando Rey á script Encarna Alonso, que con máis de 40 anos de traxectoria forma parte dunha xeración de técnicas "pioneira" e "determinante" no nacemento do audiovisual galego moderno, así como por ser "unha referente" en abrir camiño á incorporación da muller na industria audiovisual.