Un mel galego consegue a medalla de ouro á calidade no concurso internacional de París
Trátase do mel producido por un apicultor no Saviñao, distinguido por ser o único mel avalado con tres dos principais selos de calidade do noso país
O mel galego goza cada vez dun maior recoñecemento. Son varios os selos que certifican a súa calidade, comezando polo da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.
A produción meleira do noso país tamén pode estar amparada polas marcas Galicia Calidade ou Artesanía Alimentaria. Todas elas ofrecen unha garantía de excelencia fronte a outros produtos importados.
Un mel galego conseguiu a medalla de ouro á calidade nos Paris International Awards Honey 2025. Mantén un fío continuo ao verterse, o que é indicativo de autenticidade.
Trátase do mel producido por un apicultor no Saviñao, distinguido coa medalla de ouro á calidade nos premios internacionais de París, que figuran entre os máis prestixiosos do mundo. Por se fose pouco, é o único mel avalado con tres dos principais selos de calidade do noso país.
"Cada un deles ten o seu labor. Estamos na IXP Mel de Galicia, en Artesanía Alimentaria e en Galicia Calidade. E estar nos tres selos dá unha garantía", explica Toni Fernández, apicultor.
Son selos que certifican que se trata de auténtico mel galego e que ademais é un produto artesán de calidade. É dicir, o contrario do que viña ocorrendo cos meles importados, que agora están obrigados a indicar no etiquetaxe a porcentaxe de cada país de procedencia.
"Nas grandes áreas comerciais a maior parte dos meles estaban adulterados, o que supoñía enganar ao consumidor, a quen animamos a saber o que hai", indica Toni Fernández.
Esta modificación da lei, destinada a protexer o sector fronte ás importacións, era unha vella revindicación dos apicultores.
"Así non se engana o consumidor. Se alguén quere comprar un mel que leve o 99 por cento do mel doutro país, sábeo. Se o quere comprar, está no seu dereito, e cadaquén ver polo seu interese", afirma Óscar Gómez, produtor de mel ecolóxico.
Outra novidade é que deixa de existir a categoría de mel filtrado. De retirárselle unha parte importante de pole, reservarase para o uso industrial e non poderá venderse directamente ao consumidor.
Trátase de garantir a trazabilidade do produto, algo que no caso do Mel de Galicia ou do ecolóxico non é preciso, posto que o selo xa certifica a procedencia do noso país.
"Cómprase un produto que teña tanto ou selo do Mel de Galicia como ou do CRAEGA, como é ou meu caso, que estou en apicultura ecolóxica, cadaquen ten que valorar ou tipo de produto que está a comprar e a calidade que compra, sen enganos", sostén Óscar Gómez.
Un produto, o mel, que está recomendado para todo o mundo, salvo en caso de diabetes, debido ás súas propiedades inmunolóxicas.
"É bo sobre todo polos micronutrientes que ten. É bastante rico en minerais, en antioxidantes e en moléculas que poden resultar tanto antimicrobianas como antiinflamatorias. Ten restos de pole, ao vir menos filtrado", explica Ricardo Estévez, nutricionista.
Iso si, cómpre que o produto consumido sexa auténtico e non unha mestura con xarope, algo que garanten selos coma o do CRAEGA ou a da IXP Mel de Galicia.