Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lamine Yamal e Nico Williams, a xuventude ao poder

Lamine Yamal e Nico Williams, a xuventude ao poder

España acaparou os galardóns individuais, con Rodri como mellor xogador do torneo, Williams o MVP da final, Yamal o mellor novo e Olmo o máximo goleador

G24.gal 14/07/2024 23:33

Dentro do triunfo do bloque e da familia que construíu a selección española houbo varios nomes propios na vitoria da Eurocopa. Por riba do resto, esta será a Euro de Lamine Yamal e Nico Williams. Yamal festexou o dezasete aniversario e Williams os 22 anos. 

O descaro do xuvenil do Barcelona causa sensación en Europa. Titular indiscutible, asistente a Williams na final e autor dun golazo nas semifinais ante Francia. A súa sociedade co extremo do Athletic dentro e fóra do campo será lembrada. Nico Williams marcou na final o primeiro gol e foi considerado o mellor xogador do encontro. Completou un campionato excepcional e os mellores equipos do mundo peléxanse por telo nas súas filas. 

Tamén será o campionato de Rodri. O mediocentro do City, sen o brillo doutros compañeiros pero sempre con efectividade, recibiu o premio ao mellor xogador do torneo. Tivo que retirarse lesionado na final, pero en todos os partidos exhibiu unha regularidade e un mando que resultaron fundamentais no camiño da selección. 

E engadimos o mellor goleador, non en solitario, que levou Dani Olmo. Partía como o xogador número doce e aproveitou a baixa por lesión de Pedri. Anotou tres goles e tamén pasará á historia pola súa grande Eurocopa. 

A clave foi o bloque. Dez goleadores distintos que marcaron os quince de España. Sete vitorias en sete partidos. Uns números que están ao alcance de moi poucos equipos na historia deste torneo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade