Lanzan un novo proxecto de loita contra o lume entre Galicia e Portugal
Lanzan un novo proxecto de loita contra o lume entre Galicia e Portugal
Paisactivo está dotado cun millón e medio de euros de fondos europeos
No proxecto participan a aldea modelo de Infesta, en Monterrei, e o concello portugués de Baião
A poucos quilómetros da raia, vítima de varios incendios forestais incluído un que levou por diante a súa igrexa, a aldea de Infesta reúne as condicións para este proxecto que capta un millón e medio de euros de fondos europeos cos que van experimentar coas paisaxes como devasas.
Jorge Blanco Ballón, subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente: "Potenciar as producións agrarias e gandeiras do medio rural para mellorar a calidade de vida e loitar contra os incendios forestais".
Baião, en Portugal, é o outro concello que participa neste proxecto, que promove a colaboración transfronteiriza porque o lume non entende de fronteiras.
Paulo Pereira, presidente da Cámara Municipal de Baião: "É moi interesante porque vivimos no mesmo planeta. O lumenon ten fronteiras".
Luis Suárez, alcalde de Monterrei: "Pois é outro pasiño máis na loita permanente contra os incendios, a grande eiva da nosa comarca".
A loita contra o lume, sinalan, é tamén unha loita contra o despoboamento rural.
José González, conselleiro do Medio Rural: "Hoxe xa non serven devasas tradicionais. Hai que ir a devasas moito máis amplas, pero teñen que ser viñedos, pasteiros, soutos de castiñeiros que dean rendibilidade e, ao mesmo tempo, nos protexan contra os incendios forestais".
O proxecto ten unha duración estimada de tres anos.