Lara Méndez ve en Gómez Besteiro "o mellor candidato" do PSdeG
Lara Méndez ve en Gómez Besteiro "o mellor candidato" do PSdeG
A alcaldesa de Lugo loa a disposición de Caballero e Losada para dirixir os socialistas galegos, pero defende a candidatura do expresidente da Deputación luguesa
A rexedora destaca o compromiso do Goberno central con Lugo en materia de infraestruturas
Lara Méndez fai balance positivo do último San Froilán, que cualifica como unha inxección económica para a cidade
Coas primarias do PSdeG a finais de outubro, este venres na Radio Galega a alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, amosouse satisfeita pola disposición de Caballero e Losada como candidatos neste proceso que se vai celebrar en apenas un par de semanas. Non obstante, reiterou, a mellor candidatura é a de Gómez Besteiro.
"Agradezo o compromiso dos tres militantes, pero o mellor candidato que podemos ter é Gómez Besteiro, ao que non só vexo como candidato a liderar o partido, senón como mellor presidente da Xunta de Galicia", aseverou.
Méndez amosouse confiada no proxecto de Besteiro, que tamén considera o mellor para recuperar o sistema de benestar na autonomía, afirmou.
Impulso ás infraestruturas
Méndez defendeu o compromiso que o Goberno Central está a ter coa cidade en materia de infraestruturas ferroviarias. Algo que contrasta, argumentou, coa parálise nesta materia nos anos nos que gobernaba o PP.
Aclarou a rexedora lucense que o impulso á conectividade por tren xa se está a materializar.
Por unha parte, remarcou, o Goberno Central xa está a apostar pola alta velocidade e neste sentido, ten investidos máis de 560 millóns de € na renovación da liña Ourense-Lugo, que conectará a cidade con Madrid en apenas tres horas e media.
Por outra parte, falou a rexedora da inclusión de Lugo no Corredor do Atlántico, co fin de mellorar o tráfico de pasaxeiros e mercadorías, conectando a cidade con Coruña e Ferrol por tren. Este feito, aclara, non é só unha promesa, senón que xa se está a materializar.
"Non só agardo seguir demandando máis infraestruturas, senón que por parte do Goberno de Pedro Sánchez ese compromiso xa se pode ver en feitos. Estamos satisfeitos por ese impulso que se deu, e queremos seguir comprometendo novas infraestruturas para comunicar Galicia coa meseta, pero tamén as comunicacións dentro de Galicia", manifestou.
No tocante ás infraestruturas viarias, Méndez subliñou os avances na A-54 que conectará Lugo con Santiago.
Balance San Froilán
A alcaldesa recoñeceu que este ano o gasto estaba sendo algo menor nalgúns sectores, se ben as cifras do San Froilán, demostran ano a ano, manifestou, que as festas son unha inxección económica para a cidade.
Engadiu que, máis alá de citas puntuais como o San Froilán, o Goberno local, que xa está traballando nos presupostos de 2024, ten que centrarse en proxectos para incentivar a economía dos barrios.
Auditorio de Magoi
Lara Méndez transmitiu que a data para a apertura do Auditorio de Magoi está próxima, pero o importante neste momento, aclara, é poder abrir en condicións de seguridade que garantan o bo funcionamento da infraestrutura.