Lavín, heroe da primeira vitoria do Lugo no Anxo Carro
Lavín, heroe da primeira vitoria do Lugo no Anxo Carro
O porteiro paroulle un penalti a Escobar no minuto 100 para salvar o 1-0
Roger Martínez marcou o gol da vitoria contra o Celta Fortuna
O Lugo acadou a primeira vitoria da temporada no Anxo Carro. E foi nun derbi contra o Celta Fortuna con pouco ritmo, pero que foi crecendo en intensidade ata o minuto 100, cando un penalti por mans de Éric Ruiz deulle a opción aos vigueses de salvar un punto. Pero aí emerxeu de novo a figura de Marcos Lavín, que xa detivera con éxito todos os intentos do filial, para pararlle o lanzamento a Escobar e asegurar un triunfo moi sufrido por un gol a cero, que lles dá aire aos de Lolo Escobar.
O partido comezara con moitas precaucións polos dous equipos, pola importancia dos puntos en xogo para dous equipos que precisaban sumar de a tres. O Lugo agardaba atrás e intentaba saír á contra. E, nas dúas ocasións das que dispuxo na primeira metade, amosou o seu cairo. Primeiro Martín Ochoa non atinou a empuxar un centro de Zoilo. Pero, despois, Roger Martínez si foi quen, á segunda, de anotar desde dentro da área.
O Celta Fortuna moveu o banco ao descanso, pero non foi quen de darlle a volta á dinámica do encontro. Achegouse o Lugo ao 2-0 cunha falta de Zoilo ao traveseiro, e os sucesivos intentos dos vigueses desbaratounos Lavín. Logo de que o Lugo dispuxera doutro par de ocasións para ampliar a renda, e de que Erik Ruiz sacase un balón baixo os paus, outro despexe do capitán foi castigado con penalti por mans e o cartón vermello. Era o minuto 96 e, despois dunha lea na área, que deu tamén coa expulsión de Emi Rodríguez, lanzou Escobar no minuto 100, topando coa parada de Lavín. A vitoria quedou en Lugo.