Lembran en Lobios os tres pilotos forestais falecidos en Ourense desde 2020
Lembran en Lobios os tres pilotos forestais falecidos en Ourense desde 2020
Os seus nomes quedan gravados a carón da escultura dun avión soltando auga
Familiares dos pilotos mortos asistiron a homenaxe na serra do Xurés
Un monumento lembra desde este venres en Lobios os que perderon a vida na loita contra os incendios. Unha homenaxe centrada nos tres pilotos de extinción de incendios falecidos na provincia de Ourense nos últimos anos.
Son Jorge Manuel, Maximiliano e Santiago. Eses son os seus nomes, que permanecen gravados a carón do monumento que representa o traballo conxunto na loita contra os incendios forestais. Un monumento situado en pleno corazón do Xurés, o lugar onde aconteceu o accidente do hidroavión, en que faleceron dous deles en agosto de 2020. O outro perdeu a vida en outubro do ano pasado nos montes de Trevinca.
Unha emotiva homenaxe organizada pola Asociación de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia, coa que queren lembrar aqueles que entregaron a súa vida pola defensa do noso patrimonio natural.
A escultura dun avión botando auga no lugar onde morreron dous pilotos da loita contra incendios conmemora o traballo dos que pelexan contra o lume. Á homenaxe que lles renderon esta mañá en Vilameá, Lobios, asistiu o pai dun dos dous falecidos, que se amosou agradecido pero tamén moi afectado.
"Podes imaxinar que os recordos non son bos. Vir a unha zona que sabes que o teu fillo tivo un accidente e se matou pois non é agradable. Que haxa incendios, que haxa que combatelos con risco, que fan dano á natureza e que encima cobran vidas, non son capaz de entender como hai xente capaz, ter esa mala idea", dixo, chorando, Maximiliano Plaza Benito, pai de Maximiliano.
A homenaxe a Maximiliano Plaza e Jorge Manuel Santana, falecidos en 2020, ía celebrarse antes, pero a pandemia obrigou a aprazala e a sumar unha vítima máis, Santiago Duran, falecido o ano pasado en Trevinca.
"Isto vai por eles, e facémolo extensivo a todos os profesionais que deron a súa vida na defensa do patrimonio natural", dixo Felix Pérez de la Fuente, presidente da Asociación Profesional de Axentes Ambientais de Galicia.
"Traballan en sitios moi abruptos coma nesta serra, que ten valgadas profundas e cortados moi perigosos. Nestes casos arriscan un pouco máis, e nese querer dar un pouco máis ás veces suceden estas cousas", explicou Alberto Martinez Tomé, axente ambiental.
Pediron prudencia neste tipo de labores e concencia cidadá para intentar evitar os incendios.