Liberada a galega Ana Baneira detida en Irán en novembro e xa viaxa cara a España
Liberada a galega Ana Baneira detida en Irán en novembro e xa viaxa cara a España
A muller coruñesa de 24 anos foi encarcerada por participar nunha protesta pola morte de Mahsa Amini
Ana é unha activista medioambiental moi coñecida, tamén no mundo do fútbol porque foi árbitra
A familia Baneira agradece o respeto con que se tratou a situación de Ana coa que agardan reencontrarse esta noite
A española Ana Baneira Suárez, de 24 anos, que estaba presa en Irán desde os primeiros días de novembro, foi liberada este sábado polas autoridades iranianas e está a voar xa de regreso a España, vía Dubai, informaron fontes do Ministerio de Exteriores.
Baneira, membro dunha ONG de defensa dos dereitos humanos, foi detida a principios de novembro supostamente por participar nas protestas ocorridas tras a morte de Mahsa Amini, a nova detida por levar mal colocado o veo.
Segundo Exteriores, a activista xa falou co ministro de Exteriores, José Manuel Albares, a quen asegurou que se atopa en bo estado e expresou a súa alegría por volver á casa e o seu agradecemento polas xestións realizadas polo Ministerio para a súa liberación.
O arresto de Baneira coñeceuse a principios de novembro no marco das protestas en todo o país por mor da morte da moza kurda Masha Amini en setembro mentres estaba detida presuntamente por levar mal posto o veo. En ningún momento transcenderon os motivos nin as circunstancias exactas do seu arresto.
A familia Baneira emitiu un comunicado para confirmar que Aa súa filla e irmá esta libre desde o sábado pola tarde e de camiño de regreso a casa. Agradecen o respeto dos medios de comunicación no trato da situación de Ana durante estes meses de espera e piden intimidade para atendela na súa recepción e chegada. Din que unha vez que chegue, cousa que esperan que se produza a próxima noite, corresponderalle a ela decidir cando e como atenderá a todos.
Coa súa saída de prisión, en Irán aínda queda detido outro cidadán español, Santiago Sánchez Cogedor. Arrestárono a principios de outubro cando se dirixía a pé a Qatar para ver o Mundial de Fútbol precisamente tras visitar a tumba de Amini.
Nestes meses, tanto Albares coma outros membros do seu departamento mantiveron contactos cos seus homólogos iranianos para pedir a liberación dos dous españois e interesarse pola súa situación e para que se lles garantise un trato adecuado mentres estaban en prisión.
Aseguran fontes diplomáticas que, tras ser liberada Baneira, continúan os esforzos tanto desde os servizos consulares no Ministerio coma desde a Embaixada en Teherán para lograr a liberación de Sánchez Cogedor e que se mantén informada a súa familia en todo momento.