Publicador de contidos
Publicador de contidos

Liberan en Alacant once mulleres vítimas de explotación sexual, dúas delas menores

Liberan en Alacant once mulleres vítimas de explotación sexual, dúas delas menores

Os axentes rexistraron dous chalés utilizados pola banda como prostíbulos, onde os seus membros retiñan e explotaban as vítimas

Hai trece detidos, que xa foron postos a disposición xudicial

G24.gal 04/03/2024 11:36

A Policía Nacional detivo en San Vicente del Raspeig (Alacant) trece persoas nunha operación contra o tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual e liberou once mulleres, dúas delas menores, que estaban a ser prostituídas en dous chalés da localidade.

Unha das dúas menores foi a que denunciou o caso tras manifestar aos axentes ser captada por parte de persoas que a mantiveron encerrada e explotada sexualmente, segundo sinalaron a EFE fontes próximas á investigación.

Os investigadores comprobaron a "clara" repartición de funcións que desempeñaban cada un dos membros da organización, cuxa presunta xefa era unha muller que "mantiña todo baixo o seu control absoluto", segundo informaron este luns fontes policiais nun comunicado.

As pescudas, que duraron un ano, revelaron que os sospeitosos captaban no estranxeiro a mulleres en situación de vulnerabilidade e, tras a súa chegada a España, as movían a diferentes vivendas onde as retiñan e mantiñan baixo un férreo control mediante cámaras de vídeo vixilancia. Tamén eran controladas polas chamadas encargadas, quen as vixiaba mentres vivían amoreadas e eran explotadas sexualmente.

Ademais, se os clientes o solicitaban, os membros da organización criminal tamén realizaban o traslado das mulleres explotadas sexualmente ao lugar onde lles indicasen a modo de “servizo a domicilio”, explicaron as citadas fontes.

Os axentes rexistraron dous chalés utilizados pola banda como prostíbulos, onde os seus membros retiñan e explotaban as vítimas.

En ambos os rexistros, os policías interviñeron substancias estupefacientes que se administraban aos clientes baixo petición, como cocaína, tusi, ketamina, metanfetaminas e éxtase. Ademais, dispoñían de medicamentos para a disfunción eréctil.

As once mulleres liberadas son de diferentes nacionalidades e os trece detidos están acusados de pertenza a organización criminal, trata de seres humanos, prostitución de menores, tráfico de drogas, branqueo de capitais e falsidade documental.

Os arrestados, de entre 21 e 60 anos, de nacionalidades colombiana e española, foron postos a disposición xudicial. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade