Publicador de contidos
Publicador de contidos

Libran do cárcere os catro acusados polo secuestro expreso dun home na Lanzada

Libran do cárcere os catro acusados polo secuestro expreso dun home na Lanzada

Recoñeceron os feitos e acordaron coa Fiscalía unha pena de 3 anos e un mes, pero non ingresarán en prisión

Terán que pagarlle 2.080 euros á vítima, que retirou a acusación particular hai meses

Os acusados retiveran a vítima no coche, no aparcadoiro da praia da Lanzada
G24.gal 28/05/2024 14:13

Pedíanlles dez anos e medio de prisión e finalmente van ser tres, pero non chegarán a entrar no cárcere. É o acordo ao que chegaron os catro acusados dun secuestro expreso en Sanxenxo en 2017. 

Foi unha noite do mes de xuño. A vítima dirixíase ao coche despois de facer deporte, cando dous homes embozados o asaltaron no aparcadoiro. Con golpes e ameazas, quitáronlle os cartos -uns 240 euros-, o móbil e a tarxeta.

Retivérono cousa dunha hora, mentres outros dos acusados foron sacar máis cartos ao caixeiro. Conseguiron facerse con outros 340 euros pero, segundo o escrito da Fiscalía, cando esgotaron o tope de retirada esixiron un rescate de 1.500 euros. Entregounos en Sanxenxo un familiar da vítima para liberalo.

En 2018, tirando do fío doutra investigación, identificaron e detiveron os catro acusados. A fiscalía pedía para eles cinco anos e medio por detención ilegal e outros cinco anos por roubo con intimidación. O xuízo tiña que arrancar na Audiencia Provincial de Pontevedra pero non chegou a celebrarse porque houbo acordo.

Os acusados recoñeceron os feitos, e con ese atenuante de confesión e o de dilación indebida polo tempo que pasou, a pena reduciuse a tres anos e un mes. Quedan libres de ir a prisión coa condición de non delinquir en dous anos e de pagar unha multa. 

A vítima retirou a acusación particular. Terán que aboarlle 2.080 euros pola contía subtraída, e sumarlle outra indemnización polo delito leve de estafa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade