Limpar o monte e plantar frondosas: os comuneiros piden unha política forestal preventiva
Limpar o monte e plantar frondosas: os comuneiros piden unha política forestal preventiva
Máxima alerta nos montes galegos pola seca e por altas temperaturas
Os comuneiros de Vigo vixían os montes do anel verde da cidade, 1.500 hectáreas, límpanos e refréscanos, convencidos do seu labor preventivo.
Teñen medo e moita preocupación pola vaga de incendios deste verán, malia a previsión de rozar o monte que a pouca chuvia de xuño se encargou de estragar como conta Uxío González, presidente da Mancomunidade de montes de Vigo.
"A poalla de xuño foi terrible porque a biomasa medrou nun mes moitísimo e neste mes de xullo tan seco xa está todo seco, polo tanto con moita preocupación".
Nestes montes de Vigo tiveron contratadas 30 persoas durante 5 meses co plan de emprego do Concello sempre tendo en mente os incendios de 2017 en que morreran tres persoas. O maior perigo para eles segue a ser a continuidade nas plantacións. Critican que desde aquela, parece que non se aprendeu nada.
"As propiedades privadas de onde parten o 80 % dos incendios seguen en estado de abandono, cheas de maleza e son as que están pegadas ás vivendas. Os montes particulares seguen cheos de eucaliptos, acacias e piñeiros... O eucalipto non é daniño se está onde debe e se hai cortes, o que non pode ter é continuidade, ten que haber franxas de frondosas, aproveitando valgas, regatos, o que sexa, e é onde debe ir a política forestal" explica González.
Con incendios cada vez máis virulentos, os comuneiros emprazan as administracións a tomar medidas drásticas pero tamén, a aproveitar todos os recursos á man como as balsas de auga no medio do monte.
"Presas onde poderían, no caso de incendios, os bombeiros tomar auga, pero están inaccesibles e habería que trasladar ás administracións competentes que prepararan os accesos a elas"
Para eles o problema dos incendios forestais debería ser unha cuestión de estado, unha loita común contra o lume e non entre partidos políticos, cunha política forestal que enfatice a prevención.