Liñares e outros dez procesados na Pokemon recoñecen os feitos a cambio de rebaixa de pena
Liñares e outros dez procesados na Pokemon recoñecen os feitos a cambio de rebaixa de pena
Liñares acordou unha multa de 105.000 euros e dous anos e medio de reclusión
A peza principal da operación Pokemon chegaba este luns a xuízo aínda que todos os acusados, o que foi tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, o socialista Francisco Fernández Liñares, e outros dez procesados, chegaron a un acordo coa Fiscalía que contempla importantes rebaixas de pena.
En realidade, despois de tantos anos de instrución e de espera para que esta peza chegase a xuízo, a causa resolveuse relativamente rápido este luns na Audiencia Provincial de Lugo grazas a ese acordo de conformidade de todos os procesados co ministerio público.
A coñecida como operación Pokemon foi aberta no seu día pola xuíza Pilar de Lara para investigar as manobras realizadas para amañar a adxudicación do servizo do guindastre municipal en Lugo Fernández Liñares interveu por videoconferencia na vista oral, dado que se atopa na prisión de Monterroso cumprindo condena polas irregularidades que cometeu cando era presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
A esas penas ás que foi sentenciado no seu día, de algo máis de cinco anos de cárcere, súmanse agora outros dous anos e medio de reclusión, grazas ao citado acordo de conformidade, tendo en conta de que o ministerio público pedía inicialmente para el unha pena superior aos nove anos de reclusión. Ademais, terá que pagar unha multa de 105.000 euros polos delitos de violación de segredos por parte dun funcionario público, suborno, prevaricación e branqueo de capitais.
O letrado que exerceu a súa defensa, Emilio Cortés, lembrou aos medios de comunicación, antes de tomar parte na vista oral, que “a xustiza lenta din que non é xustiza”. “O certo e verdade é que despois de máis dunha decena de anos atopámonos coa posibilidade de pechar este asunto, cos acordos de conformidade entre as partes, que entendemos que é o máis beneficioso, tanto para a Administración de Xustiza como para os nosos clientes”, engadiu.
De feito, precisou que o que se celebrou esta mañá na Audiencia Provincial foi “a conformidade e non o xuízo en sentido estrito”. “Os acordos sempre son agridoces. As partes están contentas e descontentas á vez. Evidentemente, asegurámonos unha serie de prerrogativas procesuais, pero sempre quedamos coa sensación de que poderiamos chegar a unha sentenza máis favorable para o cliente. Tamén a acusación pensará que podería conseguir unha condena máis contundente”, dixo o avogado de Fernández Liñares.
Con respecto ás circunstancias que rodearon á instrución desta causa, dixo que “ao final, o paso do tempo reláxao todo. Tamén determinadas circunstancias que concorreron neste caso e que non merecen agora mesmo cita. Coa colaboración de todos, chegamos a ese equilibrio”.
En canto á situación do seu cliente e a súa permanencia no cárcere, lembrou que “non hai cruces” entre ambas as causas. “Cando os feitos se cometeron el non fora condenado por ningún delito doloso. Non ten nada que ver unha cousa coa outra”, precisou. Por tanto, “non ten conexión procesual, nin a efectos de reincidencia nin de suspensión”.
Tamén foi xulgada a muller de Fernández Liñares e o traballador do Concello de Lugo que foi considerado o seu home de palla polos investigadores do caso, que aceptou unha pena de dous anos e cinco meses de prisión, así como unha multa de 32.150 euros, por aproveitar información privilexiada, suborno e falsidade en documento mercantil, entre outros delitos.
O propietario da empresa concesionaria do guindastre foi condenado a dous anos e un mes de prisión, cunha multa de 30.150 euros, polos mesmos delitos. Así mesmo, tamén sentou no banco dos acusados o socio de Liñares na empresa que xestionaba a publicidade nos buses municipais.
Os outros sete empresarios foron xulgados por achegar facturas falsas á trama investigada e aceptaron penas que van entre os dous e os nove meses de reclusión. Fernando Barutell, letrado da defensa dun dos procesados, confirmou que “salvo sorpresa maiúscula suspenderanse as penas” de prisión inferiores aos dous anos. En canto á vez que durou a instrución da causa, dixo que “se alongou moito o procedemento”, pero “tamén é certo que se aplicou a atenuante de dilacións indebidas”, de modo que “o tempo” xogou tamén a favor dos procesados para “rebaixar as penas”.