Liorta entre deputados do parlamento italiano, con patadas, puñadas e un ferido evacuado
Liorta entre deputados do parlamento italiano, con patadas, puñadas e un ferido evacuado
En Italia viviuse unha auténtica batalla campal no Parlamento. Os deputados enleáronse na discusión dunha reforma lexislativa ata chegaren ás mans. Houbo puñadas, empurróns, patadas e golpes; e un dos parlamentarios tivo que saír do hemiciclo en cadeira de rodas.
Deputados dos partidos ultradereitistas Liga e Irmáns de Italia agrediron un parlamentario do Movemento 5 Estrelas.
"Vergoña", lamentaron desde a bancada da oposición algúns deputados que presenciaron a escena, segundo informa este xoves o diario Corriere della Sera, no medio do malestar despois do sucedido na Cámara parlamentaria.
"Caín ao chan despois dunha puñada e recibín moitas patadas", lamentou nunha entrevista coa canle de televisión A7 o deputado agredido, Leonardo Donno, que tivo que recibir atención médica.
A violencia desencadeouse despois de que o parlamentario do grupo populista Movemento 5 Estrelas se achegase cunha bandeira italiana ao ministro de Asuntos Rexionais, Roberto Calderoli, para protestar contra un controvertido proxecto de lei que se debatía.
Isto xerou unha disputa con Calderoli, que se tentou apartar mentres Donno insistía en darlle a bandeira.
Tras iso, o presidente do Parlamento ordenou a súa expulsión e varios deputados dos partidos Liga e Irmáns de Italia -formación da primeira ministra, Giorgia Meloni- arremeteron contra Donno.
Donno tivo que recibir asistencia médica pola agresión e foi trasladado a un hospital de Roma, desde onde asegurou a A7 que tras esborrallarse ao chan tras recibir "unha forte puñada" quedou sen poder respirar.
"Asusteime moito, non pensaba que puidese suceder algo así na Cámara dos deputados, aínda non o creo", dixo. Donno denunciou que tamén recibiu varias patadas.