Publicador de contidos
Publicador de contidos

Liorta nun bar de Santiago onde participaron ata 10 persoas e causaron numerosos estragos

Liorta nun bar de Santiago onde participaron ata 10 persoas e causaron numerosos estragos

Dous grupos de seis e catro persoas enredáronse nunha lea

Escacharon a porta de cristal da entrada e o local estivo prechado tres días

G24.gal 01/12/2021 13:45

Quedaban poucos clientes na parte de abaixo do café bar Carrilana, en Santiago de Compostela, cando se produciu a liorta. Eran as once da noite do sábado, o primeiro día en que pedían o certificado covid. Dous grupos de seis e catro persoas enredáronse nunha lea. 

Natalia Devesa, xerente do café bar Carrilana: "E non sabemos como un grupo con outro empezaron a pelexar. Eran persoas adultas, de mediana idade, duns 50 anos, algún matrimonio... aínda sorprende máis". 

Escacharon a porta de cristal da entrada. Algúns anacos caéronlle enriba a Natalia e ferírona nas mans e no lombo. Sen porta, víronse obrigados a pechar o local durante tres días. Ata hoxe, que cun amaño provisional, reabriron para non seguir acumulando perdas.

 Natalia Devesa, xerente do café bar Carrilana: "Tivemos que pechar e non puidemos volver abrir porque se fose verán abres coa porta aberta e non pasa nada, pero con este frío, chovendo, pois non é viable pola estrutura do local poder abrir para almorzos e copas sen a porta". 

Catro patrullas da Policía Local presentáronse decontado e fixéronse cargo da gravación da cámara de seguridade.

 Natalia Devesa, xerente do café bar Carrilana: "En canto demos sacado para fóra os que estaban pelexando, apareceu a policía e xa os identificou a todos. Nós puxemos a denuncia polos danos porque non só foi a porta, tamén rompeu un floreiro da entrada". 

O local é un dos máis coñecidos da zona vella de Compostela. A dona nunca se vira noutra semellante e aínda lle dura o susto. Agora espera que se fagan cargo dos estragos e poder pasar páxina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade