Publicador de contidos
Publicador de contidos

Llarena ve un posible delito na non detención e posterior fuxida de Puigdemont

Llarena ve un posible delito na non detención e posterior fuxida de Puigdemont

O xuíz do Supremo non desbota "a participación doutros responsables non aparentes nos delitos"

Llarena enviou aos xulgados de Barcelona os informes policiais para que investiguen a fuxida, xa que o TS non é competente para facelo

 

Carles Puigdemont, en Barcelona antes de fuxir de novo (EFE) Carles Puigdemont, en Barcelona antes de fuxir de novo (EFE)
G24.gal 19/09/2024 10:50 Última actualización 19/09/2024 11:56

O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena enviou aos xulgados de Barcelona os informes achegados polos Mossos d'Esquadra e o Ministerio de Interior relacionados coa entrada en España, e posterior fuxida, do ex presidente catalán Carles Puigdemont o pasado mes de agosto ante a posibilidade de que se cometesen varios delitos.

O maxistrado, que non ten competencias para investigar estes feitos, considera que non se pode excluír "a participación doutros responsables non aparentes" nos delitos 408 e 451.3.b do Código penal, que castigan a omisión do deber de perseguir delitos e o encubrimento cometido por parte de funcionarios.

Na súa resolución, Llarena admite que o informe dos Mossos expresa "a dificultade de abordar a detención" de Puigdemont  "no seo da aglomeración de persoas" pero non ve "impedimentos" para que o dispositivo policial puidese abordar "con efectividade o seguimento e alcance" do ex presidente para evitar a súa fuxida do territorio nacional.

O maxistrado remite os informes aos xulgados de Barcelona "para os efectos oportunos", dado que o Tribunal Supremo carece de competencia para investigar os feitos ocorridos o pasado 8 de agosto en Barcelona.

A fuxida de Puigdemont

Puigdemont, que ten unha orde de detención vixente, apareceu o 8 de agosto en Barcelona e deu un breve discurso no paseo de Lluis Companys, a poucos metros dun amplo dispositivo policial despregado para a investidura do socialista Salvador Illa. Despois, logrou escabullirse entre os congregados sen ser detido e conseguiu saír de España.

Tres axentes dos Mossos d'Esquadra foron detidos por axudar supostamente a fuxir a Carles Puigdemont tras a súa fugaz reaparición. Dous deles foron suspendidos de emprego e soldo de forma cautelar. Ao terceiro non se lle abriu expediente disciplinario, a diferenza dos outros dous, por estar de baixa.

Un dos axentes detidos é o propietario do vehículo co que fuxiu Puigdemont, aínda que no seu caso alegou que prestou o coche a unha amiga que vai en cadeira de rodas, que era a muller que conducía cando o ex president logrou fuxir sen ser detido.

No informe que remitiron ao Tribunal Supremo sobre o dispositivo errado para arrestar a Puigdemont, os Mossos admiten que a "manobra de distracción" do expresidente catalán, nun movemento que "escapa a toda lóxica racional ou política", sumiunos nunha situación de "confusión" e "incerteza" que impediu detelo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade