Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aparece un narcosubmarino na ría de Arousa

Aparece un narcosubmarino na ría de Arousa

A embarcación, de fabricación artesanal, apareceu semiafundida fronte ao porto de Vilaxoán

A Garda Civil e Vixilancia Aduaneira fixéronse cargo da investigación

 

G24.gal 13/03/2023 12:21 Última actualización 13/03/2023 18:24

Un semisomerxible de fabricación artesanal foi localizado nas últimas horas fronte ás costas de Arousa (Pontevedra). Todo apunta a que estaría vinculada co narcotráfico. A Garda Civil e Vixilancia Aduaneira fixéronse cargo da investigación.

Así o confirmou este luns a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

Fontes da investigación sinalan que a nave apareceu a unha milla mar dentro, fronte ao porto de Vilaxoán, cando estaba xa practicamente afundida.

Foi un mariñeiro que estaba a traballar o que avisou ao ver o que parecía ser unha pequena parte dunha embarcación, nunha zona duns 7 metros de fondo e que supón un perigo para a navegación, xa que está no medio da canle de navegación da ría.

Ata a zona desprazáronse efectivos de Vixilancia Aduaneira e da Garda Civil. Tamén se atopa no punto o barco de Salvamento Marítimo Salvamar Sargadelos, que ten porto base en Ribeira, para facer labores de apoio, por se houbese vertedura de combustible.

Polo momento descoñécense as circunstancias do afundimento da embarcación. Todo apunta a que non hai persoas no seu interior. Serán os investigadores os que determinen se os mergulladores poden entrar na embarcación e comprobar se leva carga ou tripulación.

Tamén está por determinar o operativo para reflotalo e remolcalo a algún porto, xa que as condicións do mar e o vento poden complicar as manobras.

Ao parecer esta aparición está directamente relacionada coas dúas planadoras que hai dúas semanas amenceron varadas nunha praia de Ribeira. A hipótese que manexa a investigación é que esas dúas lanchas terían que recoller o alixo que transportaba o semisomerxible que apareceu esta mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade