Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Festival Pedra leva os saberes tradicionais ao Museo Loiro na Memoria de Barbadás

O Festival Pedra leva os saberes tradicionais ao Museo Loiro na Memoria de Barbadás

Unha charla sobre a feitura e o son das campás centrou a edición deste ano

G24.gal 28/09/2024 20:53 Última actualización 28/09/2024 22:28

A parroquia de Loiro, no concello ourensán de Barbadás, acolleu este sábado o cuarto evento deste ano do Festival Pedra, creado hai catro anos para promover o coñecemento científico e creativo, a cultura e a recuperación dos saberes tradicionais nos espazos rurais.

O programa incluíu nesta ocasión unha charla demostrativa sobre as campás, que correu a cargo de José Andrés Barreiro, presidente da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, que conta actualmente con corenta membros.

"Coas campás podes facer música, porque non deixa de ser un instrumento que soa por si mesmo", sinala Barreiro, campaneiro ocasional da catedral de Compostela.

Na disertación deste sábado, celebrado na carballeira que rodea o Museo Loiro na Memoria, falou dos distintos toques das campás.

"Algúns xa perdidos como o toque de alba, o de Ángelus, o de ánimas, o de parto, o de agonía, cando alguén estaba agonizando, o de difunto, diferenciando entre home e muller, o de treboada, o de lume, o de chamda a misa, que é o máis común".

"Hai un momento en que é necesario que a xente se xunte no rural, porque antes se xuntaba nas mallas, nos ciclos agrícolas, e agora cremos que a cultura ten que ocupar ese espazo. Entón facer programación cultural preséntase como necesario para evitar a soidade e certos males que atinxen tanto ao rural como a contorna urbana", sinala Óscar Penín, estudoso da cultura tradicional e promotor do Festival Pedra, que busca levar ao rural proxectos culturais "vivos e diferenciados". 

O programa deste ano completouse coa actuación de diversos grupos ourensáns como son as bandas Brais Ninguén e Couto 90's e The Billys Riders, os Dj's Tristón e Dani Tamayo, ou a contacontos Inma Soto e a súa superheroina de aldea, Xela. 

O local complementouse co internacional, contando coa presenza do músico francés Victor Sutta a.k.a alligator, que trouxo ata Loiro os seus ritmos xamaicanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade