Loito no Grove tras a morte do piloto de motociclismo
Loito no Grove tras a morte do piloto de motociclismo
Consternación no Grove pola morte accidental do piloto Javier Álvarez no Gran Premio da Bañeza
"Isto foi un golpe moi duro, moi duro, un home que aínda é moi novo, 47 anos, que dentro da familia considerábase o rapaz que alegraba a todo o mundo na casa e que arranxaba todos os problemas de todo o mundo", comenta un amigo da familia.
A morte de Javier Álvarez deixou moita dor no Grove, na súa vila natal. A familiares, amigos e veciños aínda lles custa asimilar a noticia que circulou como a pólvora durante toda a fin de semana polas redes sociais.
"Eu sóubeno onte á mañá, pero, con todo, os meus fillos xa o sabían dende o momento en que pasou", conta unha veciña.
O accidente mortal produciuse tras perder o control da súa moto cando estaba a realizar a última volta de adestramento antes do Gran Premio da Bañeza.
"Souben polas redes sociais a triste noticia e avisei un amigo que era o compañeiro del que estaba alí na carreira, o compañeiro del, Roberto e cando mo dixo quedei desfeito como supoño que a familia, amigos e todos", apunta un amigo do piloto.
A familia de Javier é moi coñecida no Grove, son propietarios dunha empresa de construción.
"Coñecino de pequeno, pero agora de grande xa..., pero pola nai estou fatal, por Marigeli estou faltal, ata non sei que lle hei de dicir, aínda non fun xunto dela, non sei que se lle di a unha nai, que se lle di a unha nai nun accidente así?", explica unha veciña.
Casado e con dous fillos, este grovense de 47 anos vivía o mundo do motor con paixón. El fora un dos fundadores do Scooter Club LamVrespas. Esta tarde celebrarase o enterro na igrexa parroquial de San Martiño e prevese que será multitudinario.