Londres declara o "estado de incidente grave" a causa da covid
Londres declara o "estado de incidente grave" a causa da covid
O Reino Unido bate a marca diaria de positivos con 93.045 casos e as hospitalizacións dispáranse
O alcalde de Londres, Said Khan, declarou este sábado o estado de "incidente grave" na capital británica ante a ausencia de persoal en servizos públicos a causa do rápido aumento dos contaxios de covid.
A decisión tomouna Khan para garantir -dixo- a coordinación das axencias públicas da cidade porque incrementan as hospitalizacións mentres que falta persoal sanitario na cidade debido a que moitos se contaxiaron.
Khan asegurou que a situación é "preocupante" pola extensión da variante ómicron. O alcalde que visitou o estadio do Chelsea, convertido en vacinódromo indicou que ómicron xa é dominante e soben os positivos e as hospitalizacións.
A última vez que Khan declarou esta situación de gravidade foi o 8 de xaneiro deste ano pola extensión do coronavirus e o seu impacto no Servizo Nacional de Saúde.
Anima a xente a vacinarse coa dose de reforzo canto antes e para os que aínda non teñen a primeira insiste en que "nunca é tarde" para inmunizarse. Di que falta persoal na sanidade pública, nos bombeiros ou na policía, entre outros servizos.
O Reino Unido bateu o venres por terceiro día consecutivo a marca de contaxios con 93.045 casos en 24 horas, uns 5.000 máis que a xornada previa e as hospitalizacións disparáronse un 8,1 % en sete días.