Lorenzo Amor: "Un 10 % do persoal autónomo terá que devolver as axudas pola covid"
Lorenzo Amor: "Un 10 % do persoal autónomo terá que devolver as axudas pola covid"
O presidente da ATA ve normal que se devolvan as axudas que non cumprían cos requisitos
Lorenzo Amor, presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) e vicepresidente da CEOE, considera normal a revisión que están a facer o Goberno e as comunidades das axudas concedidas por mor da pandemia da covid.
Nunha entrevista na Radio Galega, Lorenzo Amor sinalou que "nestes momentos as mutuas están reclamando 150.000 (subvencións) porque a actividade dos autónomos que as recibiron non caera como establecía a norma".
Engadiu que esta é unha práctica habitual e que afecta ao 10 % do millón e medio de autónomos que recibiron as axudas.
Axudas á inflación
O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos aposta por manter as axudas destinadas a paliar a inflación, pero pide que se apliquen "con criterios máis restritivos porque temos que empezar a cumprir as regras (fiscais) que nos están marcando".
Lorenzo Amor lembra que tanto os gastos dos traballadores autónomos como dos fogares aumentaron un 20 % en 2023, pero, de se manteren as axudas -avisa- haberá que axustar vía ingresos ou a través de recortes.
Salario mínimo
O presidente dos Traballadores Autónomos cre que hai acordo xeral en que a próxima suba do salario mínimo interprofesional sexa de arredor do 4 %. Con todo, pide que as Administracións adecúen ese incremento aos contratos públicos.
O que non pode ser, argumenta, é que "as Administracións subiran o salario (mínimo) un 47 % nos últimos anos e que llelo subiran un 0 % aos autónomos e ás empresas con contratos públicos aos que están asfixiando".
Subsidio por desemprego
Lorenzo Amor expresou a súa satisfacción porque a partir de agora se poida compatibilizar o subsidio por desemprego cun traballo. Unha vella reivindicación, segundo dixo, dos empresarios porque, ao seu entender, disuadía os beneficiarios de aceptar ofertas laborais.
Con todo, lamentou, "é triste e resulta paradoxal que se continúe a obviar os 3 millóns de autónomos que cando fan 52 anos non poden acceder ao subsidio".
Tamén criticou que o Goberno aproveitara a reforma do subsidio de desemprego para establecer a prevalencia dos convenios autonómicos fronte aos de empresa e aos nacionais sen debatelo cos axentes sociais. Lorenzo Amor acusou o Goberno de deslealdade.
O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos lembra que na reforma laboral tanto os axentes sociais como o Goberno acordaran pospoñer este asunto. A partir de agora, advertiu, cando se chegue a un acordo "haberá que pórlle data de vixencia e unha blindaxe". A reforma laboral, engadiu, "só ten dous anos e o Goberno xa a saltou varias veces".
Vacantes sen cubrir
Lorenzo Amor denunciou que todos os sectores económicos teñen problemas á hora de cubrir vacantes. Amor sinalou que "desgraciadamente, nun país con tres millóns de parados, o 40 % dos autónomos teñen dificultades para encontrar traballadores". Un problema, asegurou, que afecta a sectores como a industria, a hostalería, o transporte ou a construción.