Luis Rubiales: "Non vou dimitir"
Luis Rubiales: "Non vou dimitir"
O presidente da Federación di que o bico a Jenni Hermoso foi "eufórico e consentido" e denuncia ser vítima dunha "cacería"
As campioas do mundo critican a Rubiales: "Isto é inaceptable; acabouse"
O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, en contra do previsto, asegurou este venres ante a Asemblea Xeral Extraordinaria da RFEF que non vai dimitir. Rubiales xustificou as súas accións na final do Mundial feminino e dixo ser vítima dunha "cacería".
Rubiales aseguraba ante os asembleístas que non ten pensado dimitir pola polémica polo bico que deu á futbolista Jenni Hermoso tras gañar a final do Mundial, que definiu como "espontáneo, mutuo, eufórico e consentido", aínda que pediu desculpas "polo contexto en que se produciu".
"Foi espontáneo, mutuo, eufórico e consentido, que esta é a clave de todas as críticas. Foi consentido, esta xogadora fallou un penalti e eu teño unha gran relación con todas as xogadoras, fomos unha familia durante máis dun mes e tivemos momentos cariñosos nesta concentración", asegurou durante a súa intervención.
Rubiales relatou que a futbolista o levantou do chan. "E case caemos, e ao deixarme no chan abrazámonos (...) subiume en brazos e achegoume ao seu corpo, e díxenlle esquécete do penalti e contestoume: 'Es un crack', e eu díxenlle: 'Un piquito?' e ela dixo: 'Vai'. Despediuse cunha última palmada no costado e foise rindo. Esa é a secuencia de todo".
"Polo tanto, non hai desexo nin posición de dominio e toda a xente compréndeo tamén", engadiu Rubiales, para quen non se trata de facer xustiza, "senón de executar un asasinato social".
"A estas persoas que están a tratar de asasinarme publicamente, vou defenderme nos xulgados. Vou exercer accións", anunciaba o presidente da RFEF.
Con máis contundencia lamentaba o xesto que realizou no palco do estadio cando se agarrou os xenitais, o que -segundo explicou- ía dirixido ao seleccionador Jorge Vilda, a quen anunciou unha renovación e unha subida salarial ata os 500.000 euros.
"Quero pedir perdón sen paliativos de ningunha clase por un feito que ocorreu no palco cando, nun momento de euforia, agarrei esa parte do corpo. Pasamos moito Jorge neste último ano; a outro nivel máis pequeniño quixéronche facer o que a min", dixo dirixíndose a Vilda.
"Emocioneime moitísimo, ata o punto de perder o control e levar as mans alí no momento en que ao gañar o Mundial a túa primeira reacción foi mirar cara ao palco e dedicarmo. Fixen os acenos de ti e de 'ole tus huevos'. Pido desculpas á súa maxestade a raíña e á infanta, á Casa Real e a todo o que se sentiu ofendido. Nunca me comportara así, a emoción era grande e todo o que sufriramos era moito. Perdón, non me xustifico".
"Van por min con todo, por terra, mar e aire", dixo a continuación o presidente da RFEF. "Máis de cen querelas, denuncias en todo tipo de xulgados, peticións sempre do mesmo e os seus monicreques no CSD (Consello Superior de Deportes). A algúns próelles que estea aquí porque do fútbol modesto vou facer un fútbol digno. Hai que diferenciar e aprender unha lección do que é a igualdade (...). É unha lección de vida. As miñas fillas si son feministas de verdade e non o falso feminismo que hai por aí", continuou.
Rubiales tamén criticou o que definiu como "falso feminismo", o que ao seu xuízo "non busca a xustiza e a verdade, non lle importan as persoas senón 'poñerse unha medalla' e dicir que están a avanzar cando é todo o contrario".
O Goberno avanza que fará o posible para apartar a Rubiales
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, afirmou que o Goberno fará "todo o que estea na nosa man" para que Luís Rubiales non siga á fronte da Real Federación Española de Fútbol.
Ribera indicou que agora toca "facer unha valoración técnica desde o punto de vista de procedementos e de garantías de dereitos en toda a ordenación deportiva, pero loxicamente imos activar todo o que estea na nosa man".
Antes desas declaracións as primeiras reaccións ao discurso de Rubiales chegaban por parte da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, e a ministra de Igualdade, Irene Montero, ás que o presidente da RFEF se referiu con duros cualificativos durante a súa intervención.
Para Díaz o que se viu na Asemblea da Federación "é inaceptable", e asegura que o Goberno "debe actuar e tomar medidas urxentes".
Lo que hemos visto hoy en la Asamblea de la Federación es inaceptable. El Gobierno debe actuar y tomar medidas urgentes: se acabó la impunidad para las acciones machistas. Rubiales no puede seguir en el cargo.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) August 25, 2023
Montero, pola súa parte, sinala que Rubiales está buscando a súa "impunidade", e conclúe a súa mensaxe cun "Jenni Hermoso, non estás soa".
Rubiales busca su impunidad. Frente a ello, actúa Fiscalía y actúa el CSD para proteger a la jugadora, para decir no al machismo y para garantizar el derecho a la libertad sexual. Ahora más que nunca, Jenni Hermoso, no estás sola.
— Irene Montero (@IreneMontero) August 25, 2023
E é que á marxe de anunciar que non dimitía, Rubiales adiantaba que pensa iniciar accións contra Yolanda Díaz, Ione Belarra, Irene Montero e Pablo Echenique, polo que dixeron del estes días.
"A señora Yolanda Díaz, a señora Montero, a señora Belarra, o señor Echenique referíronse (ao bico) coa palabra 'vexar', 'violencia sexual', 'sen consentimento', 'agredir'. (...) Vou exercer accións contra estas persoas", dixo.
As campioas do mundo critican a Rubiales: "Isto é inaceptable; acabouse"
A futbolista internacional Alexia Putellas, mediapunta do F. C. Barcelona, tachou como "inaceptable" a non dimisión de Luís Rubiales da súa presidencia na Real Federación Española de Fútbol (RFEF), e apoiou a súa compañeira Jenni Hermoso xunto a outras integrantes da selección española feminina.
"Isto é inaceptable. Acabouse. Contigo, compañeira @JenniHermoso", dixo a mediapunta desde a súa conta na rede social X.
Esto es inaceptable. Se acabó. Contigo compañera @Jennihermoso
— Alexia Putellas (@alexiaputellas) August 25, 2023
A centrocampista Aitana Bonmatí expresou nas súas redes sociais que "hai límites que non se poden cruzar" e que "isto non o podemos tolerar". "Estamos contigo, compañeira", aludiu a Hermoso. De igual modo, a porteira Cata Coll publicou na rede social X: "Que pena me dá que 23 futbolistas non sexamos as protagonistas... acabouse! Contigo a matar, @JenniHermoso".
Ademais, a atacante Athenea del Castillo uniuse ás mensaxes de apoio cara a Hermoso: "Estamos contigo, @JenniHermoso". Na mesma liña falou Virginia Torrecilla, integrante do núcleo duro da selección feminina durante moitos anos: "Acabouse! Contigo, @JenniHermoso".
Tamén a pontevedresa Tere Abelleira publicou na rede X (antiga Twitter), amosou o seu apoio á futbolista Jenny Hermoso dicindo: "Intolerable. Estamos contigo! @Jennihermoso.
Intolerable.
— Teresa Abelleira (@teresabelleira) August 25, 2023
¡ Estamos contigo ! @Jennihermoso
A Liga F e a Asociación para Mulleres no Deporte Profesional tamén se uniron en redes ao chamamento de "Basta xa".
A Fiscalía remite á da Audiencia Nacional unha denuncia contra Rubiales
A Fiscalía de Madrid remitiu á da Audiencia Nacional a denuncia presentada polo presidente da Escola Nacional de Adestradores de Fútbol en España, Miguel Galán, contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, polo bico que deu a Jenni Hermoso.
Nun expediente asinado este venres, a Fiscalía Provincial de Madrid constata que a competencia para estudar o caso correspondería á Fiscalía da Audiencia Nacional, ao suceder os feitos no estranxeiro, en Sydney, durante a entrega de medallas do Mundial, de modo que remitiu a denuncia a esa Fiscalía.
Agora será a Fiscalía da Audiencia Nacional a que decida se admite a denuncia por agresión sexual que presentou Miguel Galán, quen tamén denunciou a Rubiales ante a Fiscalía Xeral do Estado (FXE).