Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prigozhin, o xefe de Wagner, está de regreso en Rusia, segundo Lukashenko

Prigozhin, o xefe de Wagner, está de regreso en Rusia, segundo Lukashenko

O propietario da empresa de mercenarios supostamente estaba exiliado en Belarús tras o seu intento de golpe contra a cúpula militar rusa

G24.gal 06/07/2023 11:01 Última actualización 06/07/2023 12:25

O presidente belaruso Alexandr Lukashenko afirmou este xoves que o xefe do Grupo de mercenarios Wagner Evgueni Prigozhin está actualmente en Rusia e non en Belarús, onde tiña que exiliarse tras o falido motín contra a cúpula militar rusa.

"No que respecta a Prigozhin, está en Piter (San Petersburgo). En territorio belaruso non está", sinalou Lukashenko nun encontro con medios de comunicación. 

Prigozhin viaxou a Belarús como parte dun pacto co cal as autoridades rusas se comprometeron a non imputalo pola rebelión, aínda que do devandito traslado só consta unha declaración de Lukashenko en que confirmaba a chegada. O líder do Grupo Wagner non reapareceu en público e limitouse á difusión de gravacións de voz.

Nunha desas mensaxes, Prigozhin asegurou que nunca tiveran intención de "derrocar o Goberno ruso", senón que só quería protestar contra os que cometeron erros na guerra de Ucraína.

Agora, o mandatario belaruso asegura que Prigozhin se foi a San Petersburgo, matizando, iso si, que non sabe onde está "esta mañá". "Quizais foi a Moscova, ou a outro lugar, pero non está en Belarús", resolveu Lukashenko.

Putin non vai "machucar" a Prigozhin

En todo caso, Lukashenko está convencido de que o seu colega ruso Vladimir Putin non vai "machucar" o líder de Wagner, a pesar de que lle chamou "traidor" nunha mensaxe á nación o día da rebelión armada, o 24 de xuño pasado.

"Hai que comprender que Putin coñece a Prigozhin moito mellor ca min. Eu só o vin durante a organización dalgúns eventos", e o líder ruso "coñéceo desde os tempos en que ambos vivían e traballaban en San Petersburgo" e "tiñan unha relación moi boa", agregou.

Lukashenko explicou tamén que a última vez que se comunicou con Prigozhin foi "onte pola tarde". "Falamos con el por teléfono e debatemos algúns momentos relacionados coas próximas accións de Wagner", revelou.

Nesa conversación, segundo Lukashenko, Prigozhin aseguroulle que seguirá traballando "polo ben de Rusia".

"Que pasará con el despois? Boh, na vida pode pasar calquera cousa. Pero se cren que Putin é tan malvado e vingativo que o esmagará nalgún lugar mañá... Non, isto non sucederá", subliñou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade