Publicador de contidos
Publicador de contidos

Macron convoca eleccións logo da derrota ante Le Pen e o primeiro ministro belga dimite

Macron convoca eleccións logo da derrota ante Le Pen e o primeiro ministro belga dimite

"Non podo facer como se non pasase nada", dixo o presidente francés Emmanuel Macron nun discurso desde o Elíseo

Meloni logra unha cómoda vitoria en Italia

Macron deposita o seu voto en Francia nas europeas 2024
G24.gal 09/06/2024 21:16 Última actualización 09/06/2024 22:54

O presidente francés, Emmanuel Macron, anunciou que disolve a Asemblea Nacional e convoca eleccións lexislativas. A primeira volta será o 30 de xuño e o 7 de xullo, a segunda.

“Non podo facer coma se non ocorrese nada”, afirmou o presidente francés no seu discurso.

“O aumento dos nacionalistas e os demagogos é un perigo para a nosa nación, e para Europa”, advertiu despois. “Hoxe os desafíos que se nos presentan, trátese dos perigos exteriores, do desamaño climático e as súas consecuencias, ou as ameazas á nosa propia cohesión, estes desafíos esixen a claridade nos nosos debates, a ambición para o país e o respecto para cada francés, Por iso (…), decidín volverlles a dar a elección do noso porvir parlamentario por medio do voto. Disolvo esta noite a Asemblea Nacional”, engadiu.

Dimite o primeiro ministro belga

Outro damnificado é o primeiro ministro belga, o liberal Alexander de Croo, que presentou a dimisión. Tamén el é unha vítima dos bos resultados da ultradereita. Neste caso co factor engadido de que os belgas celebraban tamén comicios federais e territoriais e os liberais saíron malparados.

En Alemaña, Ursula von der Leyen mantén o tipo co primeiro lugar do seu partido, os cristiáns-demócratas da CDU, malia o significativo avance da extrema dereita. As súas opcións para seguir á fronte da Comisión Europea mantéñense intactas e esta noite ofrecíalle a socialdemócratas e liberais un pacto de goberno.

En Italia, a primeira ministra Giorgia Meloni gañou cunha cómoda marxe sobre o Partido Demócrata, que lidera a oposición de esquerda, tal como prevían as enquisas.

En xeral, a ultradereita confirma a liña ascendente con vitorias non só en Francia, Bélxica e Italia, senón tamén en Austria ou na Hungría de Orban. Iso si, con excepcións como Polonia, onde o primeiro ministro Donal Tusk quedou por diante dos ultraconservadores de Lei e Xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade