Macron, Scholz e Draghi chegan a Kíiv para reunirse con Zelenski
Macron, Scholz e Draghi chegan a Kíiv para reunirse con Zelenski
Chegaron este xoves a Kíiv en tren
Os líderes europeos Emmanuel Macron, Olaf Scholz e Mario Draghi chegaron este xoves a Kíiv por tren para reunirse co presidente ucraíno Volodimir Zelenski, con quen falarán da guerra e as aspiracións ucraínas para entrar na Unión Europea.
"Esta viaxe é unha mensaxe de unidade europea aos ucraínos e as ucraínas, de apoio para falar á vez do presente e do futuro, porque sabemos que as próximas semanas serán moi difíciles", indicou Macron nunhas breves palabras na plataforma.
Os tres dirixentes chegaron a unha estación de Kíiv ateigada de militares ucraínos, na que unha caravana de vehículos os esperaba na propia plataforma, onde tamén estaba a ministra ucraína de Integración Europea Olha Stefanishina.
Dirixíronse ao seu hotel para descansar, antes de manter un xantar de traballo con Zelenski, seguido dunha conferencia de prensa e un paseo por zonas de Kíiv danadas pola guerra. Á visita unirase o presidente romanés Klaus Iohannis, que viaxa de forma separada desde Bucarest, indicou o Elíseo. Esta viaxe ten lugar nun momento clave, poucos días antes do Consello Europeo dos próximos 23 e 24, en que Ucraína espera un xesto simbólico moi forte da Unión Europea.
Scholz di que quere demostrar que a axuda a Ucraína continuará
O chanceler alemán, Olaf Scholz, dixo este xoves que o obxectivo da súa viaxe a Kiev é garantir a solidariedade e a continuidade do apoio a Ucraína ante a invasión rusa, nunhas declaracións á prensa alemá pouco antes da súa chegada xunto ao presidente francés, Emmanuel Macron, e o primeiro ministro italiano, Mario Draghi.
"Pero non só queremos demostrar solidariedade, senón garantir tamén que a axuda que estamos a organizar -financeira, humanitaria, pero tamén cando se trata de armas- continuará. E que continuaremos con ela tanto tempo como sexa necesario para a loita pola independencia de Ucraína", dixo.
En declaracións ao diario Bild, o chanceler subliñou que é "importante" que os xefes de goberno das tres grandes nacións da UE mostren en Kiev o apoio a Ucraína.