Máis controis dinámicos de alcol e drogas para evitar avisos entre vehículos
Máis controis dinámicos de alcol e drogas para evitar avisos entre vehículos
A Garda Civil cambia de localización cada media hora para facer as probas
En ocasións detéctanse unha ducia de positivos cada trinta automobilistas
Condutores alternativos e servizos públicos son as mellores solucións para evitar sustos
Dúas da madrugada, preto de Santiago de Compostela. A Garda Civil de Tráfico desprega un operativo para detectar a automobilistas que conducen baixo efectos do alcol ou das drogas.
"Esta é unha noite tranquila. Collemos un positivo, pero levamos sesenta probas feitas e todas negativas. A maioría da xente está bastante concienciada co tema da seguridade viaria", comenta o subtenente Cerqueiras, xefe interino do destacamento da Garda Civil de Tráfico en Santiago de Compostela.
Nunha noite complicada, os axentes poden rexistrar ata doce positivos cada 30 probas; unha cifra problemática, xa que as estatísticas indican que un corenta por cento dos accidentes con vítimas están vinculados co alcol ou cas drogas. Por iso a concienciación dos condutores resulta fundamental.
Tras media hora o operativo cambia de localización. Son controis dinámicos, máis rápidos para neutralizar as alertas entre condutores a través dos teléfonos móbiles, e máis eficaces detectando os automobilistas que poñen en risco ao resto de usuarios da vía.
"O mellor xeito ao volante é non alcol, cero-cero. Se bebes, un condutor alternativo ou o servizo público. Así evitamos moitísimas desgrazas", conclúe o subtenente Cerqueiras.
No que vai de ano as estradas galegas rexistraron cincuenta e tres falecidos, dez máis que o ano pasado. Ademais do risco de accidente, conducir bébedo pode sancionarse con ata mil euros e seis puntos menos no permiso, pasando nos casos máis estremos por penas de cárcere e retirada do carné. Definitivamente, volante e alcol non son compatibles.