Máis da metade dos 821 ciclos de FP para o próximo curso xa están completos
Máis da metade dos 821 ciclos de FP para o próximo curso xa están completos
Entre os ciclos onde aínda hai prazas libres están algúns dos que teñen maior saída laboral, como é o caso do sector da construción
Do 24 ao 31 de xullo farase a segunda fase de adxudicación de prazas e matriculación
Nunca antes houbera en Galicia tantas solicitudes para cursar Formación Profesional. Presentáronse máis de 54 mil, o que supón un 5 por cento máis que o curso pasado. Máis da metade dos 821 ciclos que se ofertan xa están completos. Entre os que teñen máis demanda están os da rama sanitaria.
“Todos aqueles ciclos relacionados co ámbito sanitario teñen unha demanda moi potente, e tamén os que teñen que ver con actividades físicas, co téxtil ou co ámbito audiovisual”, explica a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Neste curso a oferta tamén é a maior. Medra un 11 por cento, con 4500 prazas máis que o curso anterior. En 364 ciclos aínda quedan prazas dispoñibles, entre eles algúns dos que teñen maior demanda de especialistas por parte das empresas, como por exemplo os sectores da industria ou da construción.
"Ás veces, ciclos que non teñen unha gran demanda, como os relacionados coa parte máis industrial, teñen moitísima saída profesional, con traballos de calidade e ben pagados”, asegura a directora xeral de FP.
Este luns remata o prazo para que o alumnado confirme ou rexeite as prazas adxudicadas na primeira convocatoria. Do 24 ao 31 de xullo continuará o proceso coa segunda fase de adxudicación de prazas e matriculación.