Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 13.000 estudantes afrontan desde o martes en Galicia a última ABAU con modelo covid

Máis de 13.000 estudantes afrontan desde o martes en Galicia a última ABAU con modelo covid

Arrincan as probas co exame de Lingua Galega e os alumnos coñecerán as cualificacións despois dunha semana, o xoves 13

A ABAU implica de xeito directo un milleiro de traballadores na organización

Os exames da ABAU permanecen custodiados e blindados ata o lugar das probas

 

 

Probas da ABAU na universidade/Arquivo Probas da ABAU na universidade/Arquivo
G24.gal 02/06/2024 19:42

Un total de 13.448 estudantes galegos, uns 600 máis ca o ano pasado, están matriculados para participar entre este martes e este xoves, 4, 5 e 6 de xuño, na convocatoria ordinaria da avaliación do bacharelato para ou acceso á universidade (ABAU) en Galicia.

Será o quinto e último ano que se celebre co modelo covid, que permite unha maior optatividade ao responder as preguntas, antes da reforma impulsada polo Goberno central e que entrará en vigor, en principio, en 2025.

Os exames do que antes se coñecía como selectividade congregarán a estes máis de 13.400 aspirantes, uns 13.000 polo modo ordinario, máis outros 452 que requiren necesidades específicas de apoio educativo, en 36 centros esparexidos nunha decena de localidades galegas.

Ademais de en facultades das sete principais cidades (A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), celebraranse en institutos de Cee, A Rúa e Viveiro.

A maior parte dos estudantes acudirán a realizar as probas a Vigo (2.937), Santiago (2.856) e A Coruña (2.846). Tras estas, as sedes máis concorridas serán os campus de Pontevedra (1.325), Ourense (1.126) e Lugo (1.017), seguidas das comisións periféricas de institutos Vilar Ponche de Viveiro (219), Agra de Raíces de Cee (146) e Cosme López Rodríguez da Rúa (127), que buscan evitar longos desprazamentos ata as cidades.

Como todos os anos, en todas as localidades hai aulas especiais para os alumnos con necesidades de apoio (NEAE). A esta súmase outra sede a maiores que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) habilita no Colexio Santiago Apóstolo de Pontevedra, en colaboración coa ONCE, para os que necesiten un apoio máis específico ou que conten con algunha discapacidade, un total de 15. Alí terán todo o material e a asistencia que precisen.

Novidades: Arrinca co galego a ABAU 2024

A ABAU 2024 comezará o martes ás 9:00 horas cunha presentación tras a que virá o primeiro exame, que este ano por primeira vez será o de Lingua Galega e Literatura, ás 10:00 horas. O segundo será ás 11:30, tras un receso de media hora, o de Primeira Lingua Estranxeira, xeralmente inglés, aínda que tamén se pode escoller francés, alemán, portugués ou italiano.

Polo xeral, os alumnos fan un total de sete probas ao longo das tres xornadas que dura a selectividade. Son cinco correspondentes á parte obrigatoria que, xunto coa media de bacharelato, permiten obter ata 10 puntos; m<is outras dúas de materias específicas, aínda que optar por examinarse de máis, que permiten subir nota, ata 14.

Os resultados, que os aspirantes coñecerán ao cabo dunha semana, o xoves 13, conformarán a súa nota de acceso coa que tentarán conseguir praza nunha universidade. Cabe lembrar que a táboa coas notas de corte que a CiUG publica todos os anos constitúen simplemente unha referencia, ao ser en realidade a cualificación da última persoa que accedeu a cada titulación o curso pasado.

Polo tanto, non é unha cifra fixa, senón que varía cada ano. Outra das principais novidades será a posibilidade de escoller entre examinarse de Historia de España e Historia da Filosofía, como ocorría anos atrás e deixou de facerse. Tamén se poden facer as dúas probas se unha delas inclúese na fase das específicas, aínda que en Galicia será pouco práctico porque non ponderarán á hora de escoller a titulación para cursar na universidade. Con todo, pode ser que fóra da Comunidade si sexa útil.

Última ABAU do modelo covid

A deste 2024 será a última ABAU que responderá o modelo instaurado en 2020, coa irrupción da pandemia de covid-19. Desde hai catro anos, os exames ofrecen unha maior optatividade ao realizar os exercicios. A partir do ano que vén, a selectividade concibirase como unha proba "máis competencial" e con "diferente estruturas", tendo  en conta as novidades que supuxo a nova lei educativa, coñecida como Lomloe, por exemplo coa instauración de novas materias e do bacharelato xeral.

En canto ao resto de aspectos da ABAU, "non hai especiais novidades" con respecto ao ano pasado. De novo pasaranse detectores de frecuencias para evitar tácticas de copia con dispositivos electrónicos. De feito, lémbraselles aos estudantes que "poden levar o móbil, pero debe estar apagado". Os protocolos tamén manterán algunha pincelada que naceu coa covid, como o acceso ás aulas, que será "diferenciado" por centros e "máis ordenado" ou a ventilación das aulas. Todas son pautas ás que obrigou a pandemia que "chegaron para quedar".

O sorteo para determinar que exames e que preguntas caerán a partir do martes celebrouse xa en semanas pasadas e xa se realizaron as 80.000 copias necesarias. Están custodiadas "coa máxima seguridade".

O martes á primeira hora todas as follas sairán en furgóns dunha empresa especializada en seguridade con destino a cada unha das comisións onde se realizarán as probas. En total, a ABAU implica de forma directa a un milleiro de traballadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade