Máis de 36.000 alumnos galegos optan polas ensinanzas artísticas
Máis de 36.000 alumnos galegos optan polas ensinanzas artísticas
Unha mostra de todo o abano formativo que ofrece Galicia para artes, deportes e idiomas pódese ver o 18 e 19 de abril na Cidade da Cultura
Hai desde escolas de arte dramática ou deseño de xoias, ata estudos de restauración de bens culturais
"A cultura move moitas emocións. Hai música que se estás mal che axuda a levantarte; ou un libro, unha obra, unha película que conecta contigo nun momento crucial e che serve de sustento", explican dúas mozas que queren ser actrices.
"Ás veces tes que estar no que pensa o teu corazón, e non no que pensará o teu peto. Por iso estamos aquí a ver o que nos ofrece o mundo", relata unha moza de bacharelato, que non pensa dedicarse ás artes pero que valora o que os profesionais destas disciplinas lles ofrecen á sociedade.
Son os que espertarán as nosas emocións, nos farán pensar, nos achegarán beleza e nos conectarán coa nosa parte máis esencial como persoas teñen oportunidades de formación en Galicia. Conservatorios de música e danza, escolas de artes e oficios...
"Estamos a falar dos centros que imparten artísticas, aproximadamente 36.000 alumnos", detallou Román Rodríguez, o Conselleiro de Educación.
"Hai unha oferta de alta calidade onde se poderán formar as persoas que van ser o futuro da cultura en Galicia", engadiu o novo titular de Cultura, José López.
Elisa González, a vicedirectora da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo, explica que no seu centro teñen deseño de moda e de produto. Tamén fotografía ou xoiería artística. É un tipo de escolas, como a de Arte Dramática, nas que é frecuente atopar persoas moi vocacionais.
Nunha exposición, con obradoiros e demostracións, de máis de 4.000 metros cadrados, o alumnado pode coñecer hoxe e mañá a oferta que hai se quere dedicarse ás artes, aos deportes ou ao estudo de idiomas.