Máis de 4.200 detidos nas protestas en Rusia contra a invasión de Ucraína
Máis de 4.200 detidos nas protestas en Rusia contra a invasión de Ucraína
Convocáronse este domingo manifestacións contra a guerra en 29 cidades rusas
O portal de dereitos civís OVD-Info cifra en máis de 11.000 os detidos nas protestas desde o comezo da invasión
Os detidos durante as primeiras horas das novas protestas convocadas este domingo nas principais cidades rusas contra a invasión de Ucraína superan os 4.200.
Un voceiro da Policía confirmou 1.700 arrestos só en Moscova, nunha concentración dunhas 2.500 persoas nunha "manifestación non autorizada". Outras 750 persoas foron detidas noutra protesta menos numerosa cuns 1.500 asistentes en San Petersburgo.
Outro cento de persoas en Novosibirsk, 18 en Irkutsk e 15 en Vladivostok e Khabarovsk tiveron a mesma sorte, conforme a organización das marchas.
En Ekaterimburgo a Policía mesmo actuou con dureza e golpeou algún dos manifestantes coas porras. A convocatoria contra a guerra foi en 29 cidades rusas.
OVD-Info, portal de defensa dos dereitos civís, cifra en máis de 11.000 as persoas detidas nas mobilizacións contra a guerra en Rusia desde que comezou a invasión o 24 de febreiro.
O líder opositor ruso Alexei Navalni chamou á poboación a ignorar as prohibicións e a saír á rúa este domingo para esixir a fin da invasión contra Ucraína e protestar contra o presidente Vladimir Putin.