Case medio millón de persoas fixeron o Camiño de Santiago neste 2024
Case medio millón de persoas fixeron o Camiño de Santiago neste 2024
A ruta portuguesa pola costa foi a que máis medrou este ano
Esta peregrina chinesa que fixo o Camiño desde Porto foi unha das primeiras en selar hoxe a compostela. Cruzouse cunha parella que tamén veu camiñando desde Portugal, no seu caso desde Lisboa.
"Foi moi máxico, atopámonos con xente marabillosa facendo o camiño. Gozámolo moito".
"Foi unha grande experiencia, non só polos outros peregrinos, senón por toda a xente coa que nos atopamos".
O Camiño portugués pola Costa foi o que máis medrou este ano, cun 41 % máis de peregrinos.
"É a primeira vez que o fago no final do ano. Con bo tempo, vai frío pero non chove. Fíxeno moi ben, bo Camiño", di un peregrino portugués.
Nun ano en que se bateu a marca de peregrinos, o Obradoiro ofrecía este domingo unha estampa ben distinta ao que din as estatísticas. Precisamente porque hai menos xente ca de costume, hai quen prefire facer o Camiño nestas datas.
"Levo tres anos facéndoo nestas Festas. Parece que me presta máis, hai menos xente. Veño da zona de Ferrol, vivo en Ares, e xa é o duodécimo Camiño que fago".
A dous días para que remate o 2024, está por ver se o Camiño alcanza por primeira vez a cifra de medio millón de peregrinos. Nestes momentos, xa van máis de 498.000.