Máis de 50 bares e restaurantes da Coruña á procura do mellor petisco no concurso Picadillo
Máis de 50 bares e restaurantes da Coruña á procura do mellor petisco no concurso Picadillo
Por un prezo de 3,5 euros, poderán degustarse receitas creativas e tamén outras inspiradas no tratado A cociña práctica escrito por Picadillo a principios do século pasado
O bar restaurante Roots participa este ano no concurso Picadillo cun petisco de aires asiáticos: unha adaptación á galega das empanadillas da cociña xaponesa. Fernando Estévez, copropietario de Roots, explica que se trata só de luras. "Facemos unha pasta coa lura e logo facemos unha lámina, deshidratámola e con iso facemos unha oblea e así facemos a gyoza. Logo no interior o que leva é un guiso tradicional de luras".
Por un prezo de 3,5 euros, poderán degustarse receitas creativas e tamén outras inspiradas no tratado A cociña práctica escrito por Picadillo a principios do século pasado. Para participar abonda con votar no momento de probalos. "Escaneas un código QR e a partir de aí hai unha votación popular e un premio para o que máis votos do público leve", comenta Fernando.
Os establecementos participantes están distribuídos por catro rutas espalladas pola cidade a onde os coruñeses adoitan ir de viños e tapas. Un dos atractivos do Concurso de Tapas Picadillo é, segundo Fernando: "Hai xente que se non te coñece dentro das rutas acaba entrando no local e coñécete. Hai xente que igual quere probar cousas novas e no Picadillo digamos que te obrigas un pouco a probar cousas diferentes".
Ata o vindeiro día 13 xa se poden saborear os petiscos do Picadillo nas rúas da Coruña.