Máis de 4.000 negocios xa están adheridos ao Bono Comercio da Xunta
Máis de 4.000 negocios xa están adheridos ao Bono Comercio da Xunta
O director xeral de Comercio lembra que o proceso de adhesión está aínda aberto
A Xunta agarda mobilizar 8,5 millóns de euros en compras nesta nova edición do Bono Activa Comercio
Máis de 4.100 establecementos comerciais galegos están a día de hoxe adheridos á nova edición -a segunda deste ano- do Bono Activa Comercio da Xunta.
O director xeral de Comercio da Xunta, Manuel Heredia, detallou as cifras nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. Heredia lembrou que o prazo para se unir a esta iniciativa está aberto ata o 15 de decembro.
A idea da Xunta, ao igual que aconteceu na primeira edición do Bono Comercio deste ano 2023, é de mobilizar uns 8,5 millóns de euros en compras. Segundo explicou, con esta nova edición xa van catro e en total se levan mobilizados 53,5 millóns de euros.
"A día de hoxe, datos de hoxe sábado, levamos máis de 4.100 comercios dados de alta no Bono Comercio"
O comercio do téxtil, comercio polo miúdo, de calzado, decoración e mobles de decoración é "onde máis diñeiro se mobiliza" con esta iniciativa, segundo o director xeral de Comercio.