Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de vinte concellos estudan demandar a Audasa para reclamarlle o 100 % do IBI

Máis de vinte concellos estudan demandar a Audasa para reclamarlle o 100 % do IBI

Audasa só lles paga un 5 % do imposto urbano de bens inmobles, por unha bonificación que vén de 1972

G24.gal 23/01/2024 14:49

Máis de vinte concellos galegos estudan reclamarlle o 100 % do IBI á concesionaria da AP-9.

A autoestrada pasa por todos eles, pero Audasa só lles paga un 5 % do imposto urbano de bens inmobles, por unha bonificación que vén de 1972.

En Castela e León varios municipios acaban de conseguir ese 100 % cunha cláusula que, segundo o equipo xurídico que estuda o caso, tamén está no convenio de ampliación da autoestrada galega. 

O avogado José María Simón explica que "basicamente o que nos dixo Castela e León, que é o que vos pasa aquí, é que vos tocou a lotaría. Pero esa lotaría hai que cobrala con coidado porque a Audasa, que é a concesionaria, non lle vai gustar un pelo ter que pagar nalgún caso millóns, porque pensade que o IBI que estades cobrando vós é do 5 % e agora vos vai ten que pagar un 95 % máis"

Hai que analizar caso por caso e os concellos xa fan números. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso cuantifica a medida "do IBI da AP-9 recadamos 29.000 euros e pasariamos a cobrar 595.000 euros"

Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda de Santiago engade "nós estamos recadando por este imposto 35.000 euros e deberíamos estar recadando 700.000 euros"

A concelleira de Comercio de Betanzos, Ángeles Veiga asegura que "todos o imos estudar. Todos imos ver o tema con moita calma"

Esta é unha vella reivindicación dos concellos afectados na Coruña, á que se están sumando municipios doutros puntos de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade