O Salón do Automóbil de Ourense pecha a venda de máis dun cento de coches
O Salón do Automóbil de Ourense pecha a venda de máis dun cento de coches
Os prezos oscilan entre 9.000 e 130.000 euros
O Salón do Automóbil de Ourense clausúrase logo de catro días de actividade. A cita supón todo un revulsivo para o sector, nun ano frouxo de vendas.
O abano de prezos vai dende os 9.000 ata os 130.000 euros. O modelo máis caro custa 127.000 e atrapa a atención dos asistentes en canto senten ruxir o motor.
"É un M3. 540 cabalos, tracción ás 4 rodas... Unha gozada", explica César Fernández, de BMW.
Da outra banda, os modelos de ocasión, seminovos e quilómetros cero que empregan como reclamos desde os prezos rebaixados á entrega inmediata.
"Os prazos de espera nalgúns vehículos son longos, catro, cinco, seis meses... E moita xente prefire entrega inmediata", explica Perfecto Babarro, asesor comercial de Toyota.
Os motores híbridos e os eléctricos van gañando mercado, pero os prezos seguen a ser disuasorios.
"Os prezos son un pouco caros, pero aínda acabamos de entrar. A ver se atopamos algo", comenta unha clienta.
"Hai que agardar a que haxa máis puntos de recarga, que baixen algo os prezos e que estea mellor a economía", di outra.
Nos tres primeiros días de feira xa despacharon máis dun cento de vehículos, un bo balance tendo en conta que non foi un bo ano para o sector.
"O sector está nun momento complicado. Levamos con caída de vendas todo o ano, mes a mes empeoran os datos do ano anterior. Inflúe o estado de ánimo do consumidor, a inflación, os prezos dos coches, que subiron un pouco", subliña César Fernández, vicepresidente de ACAUTO.
En xogo, un cheque de 6.000 euros para sortear entre os que pechen algunha compra no salón.