Máis dun cento de escolares da Coruña cambian a aula pola bicicleta
Máis dun cento de escolares da Coruña cambian a aula pola bicicleta
Aprenderon a circular pola cidade con seguridade e respectando o conxunto de usuarios da vía pública
Promover a mobilidade sostible e aprenderlles aos escolares educación viaria. Con estes obxectivos, 120 ciclistas partiron do instituto Ramón Menéndez Pidal e, tras poñer as súas bicicletas a punto, iniciaron a súa particular ruta.
"Hai moitas novidades na cidade por mor do novo carril bici e moitos non saben como teñen que circular. Nós recomendamos ir sempre polo medio do carril porque hai máis visibilidade", explica Jesús Martínez Taboada, membro da asociación Mobiliza.
É parte da teoría que aprenderon. Pero o certo é que na práctica non todos os ciclistas a levan a cabo. Os que cometen máis infraccións son os mozos de entre 15 e 25 anos de idade.
"É común o mal uso das bicicletas. Nós recentemente paramos tres persoas que ían circulando nunha. Tamén invaden as beirarrúas...", di Diego Someso, oficial responsable de Educación Viaira da unidade de tráfico da Policía Local.
E tras o seu paseo, os escolares ciclistas aseguran que melloraron a súa destreza e tamén as normas para circular con seguridade e respectando o conxunto de usuarios da vía pública.