Mal momento para os autónomos, por Maite Cancelo
Mal momento para os autónomos, por Maite Cancelo
Autónomos: mal ano 2022 e peor comezo no 2023
A sangría do número de autónomos persiste
En xaneiro deste ano o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) perdeu 20.800 afiliacións, no peor mes de xaneiro desde o ano 2012, seguindo a tendencia que comezou en xuño de 2022, cunha caída neses seis meses de case 44.000.
Ademais dos datos que estamos a coñecer mes a mes sobre a evolución dos traballadores rexistrados na seguridade social, hai que analizar tamén os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que reflicten unha perda de 34.700 traballadores por conta propia no último trimestre do ano pasado e máis de 100.000 no conxunto do 2022, a maior parte deles, autónomos sen empregados.
E, ademais, o Rexistro de Economistas Forenses (REFOR) tamén alertou recentemente do aumento do número de concursos de persoas físicas e autónomos, xa que desde o período previo á covid-19 (2019) ata o postcovid-19 (2022) se cuadriplicou o número destes procedementos cun aumento do 280 %, fronte ao incremento menos acusado que se presenta nas sociedades mercantís, que non chega ao 18 %, sendo España, ademais, o país europeo no que máis creceu este indicador.
Causas
O aumento dos gastos de produción están por encima dos ingresos. Os datos que estamos a ver dos concursos parecen indicar que a fin da moratoria que obriga a devolver os préstamos ICO que se crearon para manter os negocios abertos durante a crise da COVID-19 xunto cun crecemento económico máis moderado do previsto e a influencia da inflación están a bater, con especial forza, nos autónomos e as microempresas.
Outra causa que denuncian as propias asociacións representativas do sector son o aumento das trabas ás empresas e autónomos e os cambios nas cotizacións á Seguridade Social. E tamén temos a propia suba do salario mínimo interprofesional, que aumentou nos últimos cinco anos un 47 % e os sectores nos que máis repercute son o agrario e os servizos. Precisamente, neste último, é onde máis persoas autónomas deixaron de traballar en xaneiro: 6.682 no comercio e 2.817 na hostalería.
2023.
Sobre a evolución neste ano: as novas propostas da ministra Yolanda Díaz sobre as indemnizacións por despedimento á carta non engaden optimismo sobre o futuro destes traballadores, xa que serán calculadas en función da situación persoal e profesional de cada traballador e non en función do número de anos cotizados.
Así, a reforma do despedimento baséase no chamado despido reparador, cuxa base é diferenciar a contía para percibir (ou sexa, a que debe pagar a empresa ou o autónomo que teña empregados) en función de factores como a idade, a formación, o xénero, o fogar ou o tipo de renda.
Desta forma, a aínda proposta informal podería ter graves consecuencias no emprego, sobre todo no creado polos autónomos e as micro empresas do noso país, xa que frearía a contratación (sobre a que inflúen os posibles custos que nos pode supoñer un despedimento) e o propio proceso, que ademais de máis caro sería máis complexo (ao desaparecer o seu cálculo xenérico).
Con todo novamente temos que falar de incertezas e cambios neste ano do que xa pasaron dous meses.