A proposta de baixas "flexibles" causa un choque frontal no Goberno de coalición
A proposta de baixas "flexibles" causa un choque frontal no Goberno de coalición
Yolanda Díaz lémbralle á ministra que coa saúde non se xoga
Os sindicatos e socios do Goberno tamén frean en seco a proposta que os empresarios si apoian
Elma Saiz defende que trata de ampliar dereitos e nega que busque aforrarlle cartos á Seguridade Social
A ministra da Seguridade Social chama á calma, pero está decidida a abrir o debate da reforma das baixas laborais. Propón que, nalgúns casos, os traballadores enfermos poidan incorporarse de maneira voluntaria aos seus postos de traballo.
A idea aínda está verde pero a ministra pensa, por exemplo, en persoas que estean con determinados tratamentos oncolóxicos ou con dous empregos. Pero o tema é moi complexo.
A primeira resistencia está no propio Goberno. Yolanda Díaz xa lle respondeu vía redes sociais que coa saúde non se xoga. Pero Saiz non se engurra e lémbralle que as competencias son dela.
Discrepancias no seo do Goberno e negativa tallante de Podemos ou socios coma Bildu. Os argumentos, de momento, tampouco convencen os sindicatos. Para os empresarios si ten sentido.
Non é un tema menor. Mestúrase saúde con economía. A ministra Saiz defende que trata de ampliar dereitos e nega que teña por obxectivo aforrarlle cartos á Seguridade Social. Pero o certo é que os números falan por si sós.
O ano pasado houbo máis de 8 millóns de baixas laborais. E a factura superou os 25.000 millóns de euros. O gasto disparouse máis do 70 por cento no último lustro. Que se abra agora ese debate apunta a que tamén se intenta taponar esa ferida.