Flexibilizar as baixas laborais, un debate necesario; por Venancio Salcines
OPINIÓN
Flexibilizar as baixas laborais, un debate necesario; por Venancio Salcines
Ten sentido un debate sobre a flexibilización das baixas laborais? O ano pasado concedéronse 8,1 millóns de baixas por enfermidades e accidentes non laborais, un 11,3 % máis que o ano 2022. O impacto económico foi de máis de vinte e cinco mil millóns de euros, un dezasete por cento máis ca o ano pasado. Estamos a falar de que esa cantidade dobra o recadado, ao ano, en impostos sobre os carburantes (once mil millóns), ou representa o setenta por cento do recadado polo imposto de sociedades (35.060 millóns, 2023).
O custo total repártese entre o que asume a seguridade social, trece mil millóns, e o que asumen as empresas, doce mil millóns. Polo tanto, se o debate xerase un aforro dun dez por cento, estariamos falando dun menor custo de 2.500 millóns.
A cuestión é como encarar este aforro, e aquí a proposta da Ministra de Seguridade Social móstrase interesante. Todos sabemos que existen enfermidades, como a depresión por ansiedade, que poderían aconsellar unha volta paulatina ao posto de traballo, é dicir, unha volta a tempo parcial, e soamente despois dun tempo volver a normalidade. Ou baixas que che impiden facer un traballo, pero non outro, e polo tanto poderías volver ao traballo ou facelo noutra empresa.
Polo tanto temos necesidade e temos causas, tocaría estudalo con calma para que a solución fose unha mellora dos dereitos do traballador sen que isto supoña un maior custo para as empresas.