A patronal galega amósase pesimista coas previsións económicas
A patronal galega amósase pesimista coas previsións económicas
Cualifican as perspectivas de pouco optimistas e piden reformas produtivas máis profundas
A incerteza económica é o que máis lle preocupa ao empresariado galego, que fala abertamente de malas previsións ata o primeiro semestre do vindeiro ano.
"Os datos económicos non son bos, non van na boa dirección. Os orzamentos xerais do estado para Galicia non son bos tampouco, teñen aspectos nos que podemos desenvolver algunha actividade pero de maneira xeral saen máis beneficiados outros territorios que o noroeste", manifesta Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.
Dende a Confederación de Empresarios de Galicia tamén critican o desenvolvemento dos fondos Next Generation, os préstamos millonarios da Unión Europea para superar a crise económica tras a pandemia, por falla de ambición, aseguran.
"Realmente tivemos un apoio dixital, que é espallar para todo o mundo pequenas contías, pero non se chega ao fondo do que temos que facer, que é mudar o tecido produtivo e gañar en produtividade e competitividade para o mundo empresarial", manifestou o representante da patronal.
Sobre as conexións ferroviarias co norte de Portugal, xa adiantadas no país veciño, o representante empresarial salientou a importancia de acelerar estas infraestruturas para a loxística corporativa do noroeste, incluíndo territorios como Asturias e Castela e León.