Publicador de contidos
Publicador de contidos

Juan Manuel Vieites: "Non contar con axentes do diálogo social erosiona a confianza"

Juan Manuel Vieites: "Non contar con axentes do diálogo social erosiona a confianza"

O presidente da CEG aféalle ao Goberno central a toma de decisións sen contar cos empresarios

Insta a "resolver" canto antes o conflito diplomático con Arxentina ante os importantes intereses económicos en xogo

Urxe solucionar a inseguridade xurídica arredor do desenvolvemento da eólica

G24.gal 26/05/2024 09:56 Última actualización 26/05/2024 11:19

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Manuel Vieites, aféalle ao Goberno central excluír os empresarios da toma de decisións que na súa opinión deberían ser consensuadas no marco do diálogo social.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, da Radio Galega, Vieites asegura que "non contar con axentes do diálogo social erosiona a confianza e a cooperación necesaria para un desenvolvemento sustentable e xusto".

Opina que "cada vez que estamos en eleccións, os partidos -sobre todo os que están no Goberno- sacan da chisteira unha serie de cuestións que complican administrativamente o día a día das empresas". Nesa liña apuntou coma exemplo á modificación do Estatuto dos Traballadores que lles outorga prevalencia aos convenios autonómicos. 

"Este Goberno repite de forma constante a mesma dinámica. O subsidio por desemprego tampouco se chegou a pactar cos empresarios deste país. A  exclusión de axentes sociais deste diálogo social da toma de decisión ten varias percepcións e consecuencias en diferentes niveis: xerar desconfianza e o descontento". 

Vieites avisa que a exclusión dos empresarios da toma de decisións pode interpretarse coma "incumprimentos de normativas" internacionais de traballo e polo tanto, poden comportar a imposición de sancións por parte de organismos internacionais. 

"A nivel internacional a falta de diálogo social é vista coma sinal de debilidade da gobernanza democrática no respecto polos dereitos laborais, afectando á imaxe do país en foros internacionais e con potenciais investidores. A exclusión pode ser vista coma un incumprimento das normativas estándares internacionais de traballo, o que podería traer sancións ou perda de apoios de organismos internacionais". 

Conflito España e A Arxentina

O presidente da CEG insta a resolver "o antes posible" o conflito diplomático entre España e A Arxentina porque asegura que "os intereses económico-comerciais son moi importantes entre o noso país e Arxentina".  

Altri e sector eólico 

O presidente da patronal galega, ante as críticas ao establecemento do proxecto de Altri en Palas de Rei, aposta na entrevista por apoiar "desde o ámbito político e institucional" firmemente o desenvolvemento do tecido industrial e dos "proxectos estratéxicos, como é o de Altri sen prexuízo do estrito cumprimento da normativa vixente". 

Vieites tamén urxe "resolver a inseguridade xurídica que afecta ao desenvolvemento de proxectos eólicos en Galicia" e indica que hai investimentos en risco por valor de máis de 10.500 millóns de euros. Así mesmo, considera que hai que "pór enriba da mesa a compensación por cancelacións".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade