Malestar dos vendedores da praza de abastos de Santiago polas dificultades do acceso ao mercado
Malestar dos vendedores da praza de abastos de Santiago polas dificultades do acceso ao mercado
As modificacións realizadas na zona do arco de Mazarelos fixo que se limitaran as zonas de carga e descarga
Os vendedores piden facer unha praza máis accesible aumentado amais as prazas de aparcadoiro
Malestar dos comerciantes da praza de abastos de Santiago de Compostela. Aos problemas, que xa están a notar, derivados da folga de transportistas, din que o Concello non os tivo en conta á hora de levar a cabo certas modificacións para a humanización e peonalización da zona. Estes cambios deron lugar a menos prazas de aparcadoiro, así como as zonas de carga e descarga tamén se reduciron.
A humanización e peonalización do arco de Mazarelos na zona do mercado de abastos da cidade de Santiago trouxo consigo beneficios, pero tamén aspectos negativos. Sobre todo para os vendedores e comerciantes. Gloria Costa , de Carnes Chelo y Muñico, lamenta que se fixeron estas modificacións "antes de escoitar o mercado de abastos e antes de indagar nas necesidades que precisamos para realizar correctamente o noso traballo".
Estas modificacións explican que trouxo consigo unha maior dificultade de acceso ao propio mercado, tanto de comerciantes como de distribuidores e clientes. "A xente non vén á praza, non sei se é pola dificultade de aparcar, pois non deixan" di Pilar Gómez, vendedora no mercado. Mesmo recibiron queixas de clientes, apunta Antón Bermúdez de Bacallau José Bermúdez, "din que non van vir ao mercado porque non hai sitios para aparcar". Engade Antón Bermúdez que a pesar de que "hai varios lugares de aparcadoiros, estes non teñen unha accesibilidade fácil".
Os vendedores e comerciantes mantiveron xa dúas reunións co Concello para trasladarlle as súas queixas e propostas como ampliar o acceso a distribuidores a zonas de carga e descarga, así como tamén facilitar máis prazas de aparcadoiro para os cidadáns.
En definitiva, crear unha praza de abastos máis accesible para todos. Pola súa banda, o Concello de Santiago atendeu varias das peticións, polo que ampliou xa o horario de carga e descarga desde as seis da mañá ata as nove da noite. Así como tamén ampliou a zona de carga e descarga á praza de Irmán Gómez, para os vehículos dos comerciantes de ata 3.500 quilos, que entrarían pola zona das Casas Reais, ata as dez e media da noite.