Manifestación en Madrid convocada polo PP contra Pedro Sánchez
Manifestación en Madrid convocada polo PP contra Pedro Sánchez
Feijóo pediulle ao Goberno que retire a lei de amnistía e convoque eleccións xerais para poñer "punto e final" á lexislatura
A Delegación do Goberno cifrou en 20.000 os asistentes á mobilización do Partido Popular deste domingo en Madrid contra a amnistía e o Goberno de Pedro Sánchez, fronte aos "preto de 80.000" que indicaron fontes do PP.
A mobilización celebrouse na Porta de Alcalá de Madrid, onde interviñeron o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso e tamén o integrante da candidatura do PP ás eleccións europeas que pecha a lista, Fernando Savater.
Ademais, durante o acto proxectouse un vídeo da líder opositora venezolana María Corina Machado, que avisou que "cando se perde a liberdade, custa moito recuperala".
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediulle ao Goberno que retire a lei de amnistía e convoque eleccións xerais para poñer "punto e final" a unha lexislatura "que xa está perdida".
Durante o acto, ao que asistiu toda a plana maior do PP, o líder dos populares instou a Sánchez a un adianto electoral e á disolución das Cortes porque "o país está parado" e "estamos fartos da arrogancia, da mentira e do egoísmo" do presidente de Goberno.
"Pedimos que se nos consulte, que retire a lei de amnistía e consulte a todos os españois... que nos deixe falar porque nos enganou e aos seus tamén".
Incidiu en que "temos un Goberno que nos despreza e vendeunos a todos os españois por sete votos".
Resposta socialista
O PSOE considera que o Partido Popular "picou" na súa convocatoria deste domingo contra a amnistía e o Goberno de Pedro Sánchez. A través dunha mensaxe na rede social X, indicou que os asistentes a esta concentración non chegaron "nin á metade da súa última convocatoria".
"A Porta de Alcalá é testemuña", destaca o Partido Socialista, quen tamén subliña que o PP congregou este domingo en Madrid "nove veces menos (asistentes) que en novembro do 2023".
O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, denunciou nas redes que o PP se manifeste "en defensa da Constitución" e que leve 2.000 días "incumpríndoa".