Desactivado o nivel 2 no incendio de Arbo, que xa queimou 400 hectáreas
Desactivado o nivel 2 no incendio de Arbo, que xa queimou 400 hectáreas
Os outros tres incendios activos en Galicia xa están controlados
O incendio de Arbo continúa activo, pero Medio Rural desactivou o nivel de alerta 2 pola proximidade do lume o núcleo de Searas.
Continúan as tarefas de vixilancia e control dos puntos quentes para evitar que as lapas se reaviven. Os veciños tamén seguen vixiantes, pero máis tranquilos despois dunha fin de semana na que temeron polas súas propiedades.
"Había moitas lapas e moi preto das casas e foi moi difícil", lembra unha muller. Outro veciño explica que o lume se reactivou a carón das casas o domingo pero que o helicóptero foi quen de apagar as lapas cun par de descargas de auga.
Coinciden en que a pesar do perigo para as vivendas había bastantes medios para impedir que arderan.
E aínda que xa non hai tanto perigo queda a tristura. O que arrasou o incendio, unhas 400 hectáreas, ten moito valor para os veciños e non só económico.
"Aquí había unhas carballeiras impresionantes e agora da moita pena ver o que quedou. Foi criminal", explican os residentes da zona.
Non queren especular sobre as causas do incendio. Fortuíto ou provocado din que as condicións eran ideais para que se propagara como o fixo.
"O monte está sen coidar e cando prende o lume non para", "Coas temperaturas altísimas que hai e o monte descoidado o lume pode aparecer en calquera lugar", aseguran.
O de Arbo é un dos catro incendios que permanecen activos en Galicia e que levan arrasadas 640 hectáreas. Están baixo control os declarados na Cañiza e Ponteareas na provincia de Pontevedra e o de Castrelo de Miño na de Ourense.