Baltar renuncia a presidir a Deputación de Ourense: "Non é unha cuestión de nomes"
Baltar renuncia a presidir a Deputación de Ourense: "Non é unha cuestión de nomes"
O aínda presidente provincial anunciou este mércores a súa intención de non tomar posesión como concelleiro en Esgos, o que na práctica supón que non pode ser reelixido na Deputación
O ata o de agora presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou este mércores que non aspirará á seguir presidindo a institución provincial, á fronte da cal estaba desde 2012. Baltar renunciará á acta como edil no concello de Esgos, e desa maneira xa non poderá ser reelixido na Deputación.
O anuncio fíxoo en conferencia de prensa o candidato do PP por Ourense, Manuel Cabezas, que coñeceu tal decisión ás doce e media, segundo explicou á prensa.
Cabezas anunciaba esta renuncia de Baltar ao tempo que ofrecía ao PSdeG e ao BNG un pacto de coalición no concello de Ourense que facilite que Jácome non poida ser alcalde da cidade nun novo mandato.
Comunicado de renuncia
Pero, ás 13:11 Manuel Baltar emitiu un comunicado no que informa en primeira persoa de que descartou formar parte de que será a próxima corporación provincial.
"Non tomarei posesión da miña acta como concelleiro de Esgos. Este paso non diminúe, en absoluto, o meu compromiso con Ourense. Como presidente provincial do PPdeOU seguirei loitando como sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo á presidencia de España".
Engade que non hai interese maior que o xeneral da provincia e por iso, escribe, "a configuración das corporacións locais non é unha cuestión de nomes, senón de siglas e de proxectos".
"A política é responsabilidade e é estabilidade", manifesta.
Así, di traballar para "facilitar" que a Deputación Provincial teña un "presidente ou presidenta" do PP, "a única formación política que concorreu ás eleccións do 28 de maio cun proxecto provincial a desenvolver para seguir impulsando Ourense".
"Ante a inminente constitución das corporacións locais da provincia de Ourense, e como presidente do partido político que gañou as eleccións a nivel provincial, traballo para conformar gobernos populares solventes ao longo de todo o territorio", gabia na nota.
Rueda agradece a "xenerosidade" e que entenda que os ciclos "teñen un final"
O presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, agradeceu a Manuel Baltar a súa "xenerosidade" por renunciar a tentar repetir na Deputación e que entendese que "todos os ciclos teñen un inicio e un final".
"Todos os ciclos teñen un principio e un final, é momento de deixar paso a outros compañeiros. Acabouse a súa etapa na política local, que foi longa e frutífera", opinou Rueda.
Rueda destacou que o tamén presidente provincial de Ourense vai seguir traballando pola estabilidade na provincia e por tentar que o partido logre un resultado positivo o 23X.
Segundo Rueda, o propio Baltar recoñece no comunicado no que facía o anuncio que "a política non é cuestión de nomes, de persoas concretas, senón de argumentos, ideas e equipos".
Preguntado por se esta renuncia facilitará as negociacións no concello de Ourense para apartar a Gonzalo Pérez Jácome da Alcaldía, Rueda volveu a destacar a oferta do candidato do seu partido, Manuel Cabezas, a PSdeG e BNG.
Sucedera na Deputación a seu pai
Manuel Baltar hai 11 anos substituíra no posto ao seu pai, José Luis Baltar, quen durante 22 anos estivo ao mando desa Deputación. Desde xaneiro de 2010 dirixe o PP de Ourense.
Antes fora deputado no Parlamento galego. En 2001 tomaba posesión do escano por primeira vez, e repetira nas lexislaturas de 2005 e 2009.
A multa por circular a 215 quilómetros por hora na A-52 o pasado abril cun coche oficial da Deputación estivo moi presente na campaña das últimas eleccións, nas que o PP conseguiu 12 deputados, ao bordo dos 13 que marcan a maioría no Pazo Provincial.
A oposición non se conforma coa marcha de Baltar e esixe un cambio
Os principais partidos da oposición, PSdeG-PSOE e BNG, advertiron de que non se conforman coa decisión de Baltar de non optar á reelección á presidencia da institución provincial e ven necesario que "o baltarismo" e o Partido Popular pasen á oposición.
Para os socialistas, Manuel Baltar Blanco é "a punta do iceberg dunha gran trama política que ocupa a nosa provincia desde hai tres décadas” e denunciou a "trama corrupta" que o PP "mantén na provincia de Ourense" que "debe ser retirada do poder de inmediato".
Consideran a decisión anunciada como "unha retirada a medias” nun “intento á desesperada do PP de Ourense e do baltarismo para manter a deputación e parte do seu poder territorial".
Na mesma liña, o BNG considerou necesario "mudar o funcionamento" da deputación "e iso pasa por darlle un tempo ao PP fóra do goberno provincial", advertiu o nacionalista Bernardo Varela.
A voceira do grupo provincial do BNG considerou a saída de Baltar unha "crónica dun feito anunciado" e espera que esto non se convirta "nun simple cambio de cromos" e haxa un cambio real na provincia.
Entende que a renuncia de Baltar da deputación e non do partido "evidencia a imposibilidade práctica de refundar o PP" e que o "baltarismo" continúe "manexando" o partido.