Publicador de contidos
Publicador de contidos

Manuel Macía: "A reprodución asistida para mulleres de 45 anos non dá bos resultados"

Manuel Macía: "A reprodución asistida para mulleres de 45 anos non dá bos resultados"

O presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía dubida da efectividade da medida anunciada pola Xunta para favorecer a natalidade

Galicia rexistra o peor saldo vexetativo e as cifras máis baixas de nacementos, o que acentúa a crise demográfica na comunidade

G24.gal 18/04/2024 11:12 Última actualización 18/04/2024 11:33

Os últimos datos demográficos coñecidos acentúan a crise de natalidade en Galicia e afondan no saldo vexetativo negativo. Nos dous primeiros meses deste ano naceron 2.170 bebés na comunidade, un 2,2 por cento menos que no mesmo período do ano pasado, mentras que o número de falecementos, aínda que baixou un 0,95 por cento, chegou aos 9.256.

Nacen menos nenos e nenas e as nais teñen o seu primeiro fillo -na maior parte dos casos primeiro e último- a unha idade cada vez máis avanzada.

Neste contexto, unha das últimas medidas para reverter esta curva demográfica descendente foi anunciada tras o primeiro consello da Xunta do novo goberno autonómico. A rede sanitaria pública ampliará ata os 45 anos a posibilidade de que as mulleres se sometan a técnicas de reprodución asistida. 

O presidente da Sociedade Galega de Xinecoloxía e Obstetricia, Manuel Macía, aínda que asegura que este proceso é seguro, dubida da súa efectividade a unha idade tan avanzada.

"A taxa de embarazo a esas idades non chega ao 15 por cento despois dun proceso que é custoso en todos os ámbitos, tanto psicolóxico como económico".

"Seguro é; o que non son bos son os resultados; a taxa de embarazo a esas idades non chega ao 15 por cento despois dun proceso que é custoso en todos os ámbitos, tanto psicolóxico como económico".

O representante dos xinecólogos, que ostentou a xefatura do servizo no Complexo Hospitalario de Santiago, explica que a calidade dos óvulos é peor e que hai máis posibilidades de que presenten anomalías. "Sabemos que nos embarazos espontáneos de mulleres de 42 anos, case un de cada 50 ten síndrome de Down, non digamos outras anomalías cromosómicas", subliña.

Ademais, "é máis fácil que unha paciente de 45 anos faga hipertensión, diabetes xestacional... todas as complicacións propias do embarazo", advirte. Por iso insiste en que "concentrar os esforzos aí, desde o punto de vista demográfico de efectividade para a natalidade, paréceme mínimo".

Nais primíparas con máis de 36 anos

Manuel Macía deixa claro que a seguridade e o seguimento dos embarazos está fora de dúbida no sistema sanitario, onde os controis son máis estritos naquelas mulleres que teñen algunha patoloxía ou nas que teñen máis idade, un concepto que foi cambiando co tempo. "Cando empecei a exercer falábase dunha primípara de idade cando a muller tiña máis de 35 anos, e hoxe en día a media nun hospital galego é xa de 36,4 anos".

Na súa opinión, o problema da baixa natalidade debe abordarse de forma disciplinar, tanto sanitaria como social, con medidas de conciliación. "Os nenos nacidos por fecundación in vitro rozan o 8 por cento de todos os bebés, pero un 92 por cento seguen sendo embarazos espontáneos, e é aí onde ten que haber políticas de apoio para a reversión desta curva".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade