Publicador de contidos
Publicador de contidos

Robles defende á directora do CNI: "Aguanta imputacións que non son reais"

Robles defende á directora do CNI: "Aguanta imputacións que non son reais"

A ministra de Defensa di que "ante un feito delituoso non se debe calar nin eludilo"

Robles asegura que "a seguridade dos móbiles do Goberno está clara nas normas", deixando entrever que non depende do seu departamento

Unidas Podemos pide a súa dimisión

Margarita Robles, ministra de Defensa, comparece no Congreso
G24.gal 04/05/2022 10:59 Última actualización 04/05/2022 15:18

A ministra de Defensa, Margarita Robles eloxiou este mércores á directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, quen dixo que "está a ter que aguantar estoicamente" imputacións que, segundo asegurou, "non se corresponden coa realidade".  

Na Comisión de Defensa do Congreso Robles respondeu ás críticas pola presunta espionaxe a líderes independentistas e insistiu en rexeitar as acusacións "sen base probatoria" ao centro de intelixencia, que "non pode defenderse" polo secreto legal que rexe as súas actuacións.  

"O CNI ten un deber de secreto e é moi cómodo que alguén diga que o CNI fixo algo", dixo Robles quen citou para este xoves aos deputados, xa que a directora do Centro Nacional de Intelixencia dará explicacións ante a Comisión de Gastos Reservados, que se celebra a porta pechada.  

A ministra reivindicou que os tribunais de xustiza son os que dirimen as responsabilidades e animou a acudir a eles a todo o que pense que foi vítima dun delito. Así lembrou que fixo o Goberno respecto á espionaxe ao seu propio teléfono móbil e o do presidente, Pedro Sánchez. 

Robles advertiu antes de que cando alguén ten coñecemento dun acto delituoso "non debe calar nin eludilo", senón que debe acudir aos tribunais de xustiza.

Robles comparece este mércores ante a comisión de Defensa do Congreso dos deputados, onde a pesar de que non é motivo da súa intervención, si se referiu ao caso de espionaxe a través do sistema Pegasus.

"Non podemos aceptar que ninguén poida imputar sen probas autorías coñecidas ou descoñecidas", dixo Robles na Comisión de Defensa do Congreso, onde insistiu en que os servidores públicos actúan só conforme á legalidade e mostrouse "particularmente orgullosa" dos homes e mulleres do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), das Forzas Armadas, da Policía e a Garda Civil.

Por iso, insistiu, que cando se cometen feitos delituosos "sempre" o Goberno "e eu, a primeira, imos acudir aos tribunais de xustiza".

Antes de acudir á comisión remitiuse nos corredores do Congreso "ás normas", cando lle preguntaron de quen depende a seguridade dos teléfonos móbiles dos membros do Goberno, e eludiu responder a se a directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, debe dimitir.

"Non hai máis que mirar as normas e nas normas está perfectamente recollido todo", respondeu Robles á súa chegada ao Congreso para comparecer na Comisión de Defensa.

Robles non quixo precisar máis as súas afirmacións, ao sinalar que "eu non son as normas, van vostedes ás normas e mírano e aí acláranselles todas as dúbidas", co que deixou entrever que a competencia da seguridade das comunicacións do Goberno non depende do seu departamento.

Os partidos nacionalistas aproveitaron a comparecencia da ministra para pedir explicacións e dimisións. Tamén o socio minoritario do Goberno, Unidas Podemos, pediu ceses. Para o seu voceiro no Congreso, Pablo Echenique, "a situación actual é, sinxelamente, insostible", polo que pediu "que se asuman responsabilidades políticas ao máximo nivel".

Reprendíao Robles, quen lle pedía "responsabilidade" xa que Echenique "forma parte dun partido político que forma parte do Goberno da nación".

Precisamente este mércores á mañá a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, volvía reclamar unha comisión de investigación pública. "Cando o presidente do Goberno do noso país foi espiado, dende logo, o noso país merece unha explicación", asegurou a tamén ministra de Traballo.

Dende o PP afean as discrepancias dentro da coalición por este asunto. Para o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, "o señor Sánchez non se pode fiar da metade do seu goberno, que quere investigar á outra metade, nin tampouco se pode fiar dos seus socios que non cren no discurso da ministra de Defensa".

Mentres tanto, a parte socialista do Goberno pide tempo para aclarar o sucedido. A voceira do executivo, Isabel Rodríguez, cre que "unha vez teñamos determinado que sucedeu, pódense valorar outras cuestións", sen descartar así futuras dimisións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade