Publicador de contidos
Publicador de contidos

María Cadaval: "É necesario abordar en serio o sistema de financiamento autonómico"

María Cadaval: "É necesario abordar en serio o sistema de financiamento autonómico"

A profesora de Economía da USC presentou este luns no Congreso dos Deputados un informe do Foro Económico de Galicia con propostas para a reforma do sistema

Rexeita un "financiamento singular" para Cataluña e mesmo apunta que o País Vasco e Navarra deben contribuír á caixa da "solidariedade interterritorial"

Afirma que o actual sistema "non é suficiente" para atender os servizos básicos das autonomías e di que hai mecanismos de financiamento "ao chou" do Goberno central

G24.gal 25/06/2024 10:17

A profesora de Economía da USC e integrante do Foro Económico de Galicia María Cadaval considera que "é necesario comezar a abordar en serio o sistema de financiamento autonómico porque o que vimos nas dúas grandes crises que sucederon nestes últimos anos é que o sistema non é suficiente".

Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega despois de que este luns presentase no Congreso dos Deputados o informe que presentou o Foro Económico con propostas para a reforma do financiamento autonómico, no que tamén participaron Xaquín Fernández Leiceaga, Santiago Lago e Jorge Martínez Vázquez.

Neste senso, María Cadaval recorda que no ano 2012, cando a crise financeira estaba de cheo tocando as arcas públicas, houbo que habilitar un mecanismo extraordinario de financiamento: o FLA, o fondo de facilidade financeira.

No ano 2020 houbo un fondo extraordinario covid para que as comunidades autónomas puidesen desenvolver os servizos básicos que teñen atribuídos -educación, sanidade e servizos sociais- dun xeito acaído ás circunstancias e ás necesidades do momento. Cando o sistema por si mesmo non é quen de dotar ás comunidades dos recursos que precisan para facer fronte ás súas necesidades de gasto, é evidente que non é suficiente.

Engade que o actual sistema "non ten capacidade de adaptación. Está á mercé do que decida o Goberno central, se aplica ou non aplica, se dota ou non dota esas medidas extraordinarias como as que vimos no ano 2012 ou como as que vimos a partir do ano 2020. O sistema necesita un cambio e, ademais, leva xa demasiado tempo esperando por el".

A profesora María Cadaval explica que "España en moi pouco tempo conseguiu facer unha descentralización que é das máis elevadas do mundo e esa descentralización fíxose cun éxito colectivo. O éxito está fundamentado na autonomía das comunidades, da coordinación, pero tamén da solidariedade interterritorial. Que significa isto? Pois significa que o punto de partida da descentralización tiña un acordo de fondo.

Ese acordo de fondo é que hai un mínimo de servizos públicos fundamentais ao que debe acceder toda a poboación española, independentemente da comunidade autónoma na que viva, e por iso se definiu un sistema de repartimento. Ese sistema de repartimento, como en todos os sistemas de repartimento, hai unhas comunidades que achegan e outras que reciben en función da súa capacidade para obter os recursos".

Comenta que "temos 15 comunidades autónomas das 17 que están dentro deste repartimento e hai dúas comunidades, que son precisamente as forais, que quedan fóra da solidariedade interterritorial. Se hai dúas comunidades -País Vasco e Navarra- que gozan dun sistema especial, específico, recoñecido e que ninguén cuestiona, o que si é cuestionable é que non estean facendo ningunha achega a esa solidariedade interterritorial que se acordou no seu momento. A resposta é que Cataluña se adhira a un sistema semellante ao que teñen País Vasco e Navarra? Non. É xustamente ao revés.

Cataluña debe seguir dentro do sistema de réxime común. País Vasco e Navarra tamén, se o que queremos é ter un sistema con esas bases das que falabamos ao principio. Se queremos é rachar o modelo e que pau aguante a súa vela, podemos facer un sistema confederal como tamén hai noutros modelos".

Desde o Foro Económico de Galicia, María Cadaval avoga por "recalcular o sistema de Cupo. Cando falamos do sistema de financiamento do País Vasco e Navarra falamos desa singularidade porque o xeito de funcionar é á inversa do réxime común. Significa que eses dous territorios recadan e xestionan todos os seus impostos, quedan coa recadación deses impostos e despois calcúlase a cota ou a achega que é o pagamento que teñen que facer á Administración Xeral do Estado polos servizos prestados. Por exemplo, pola seguridade nacional".

Nese senso, di que "hai unha fórmula de cálculo que se acorda politicamente para saber canto lle teñen que pagar o País Vasco e Navarra á Administración Xeral do Estado. Dentro dese cálculo da cota non hai ningún cálculo sobre a achega que teñen que facer estes dous territorios á solidariedade interterritorial. O que nós propoñemos é que se incorpore. En realidade non é quitar ningún privilexio, é incluír a País Vasco e Navarra nesa solidariedade, nese repartimento interterritorial que no seu día se acordou".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade