Publicador de contidos
Publicador de contidos

Marina Blanco: "A prevención do tabaquismo na mocidade debe ser a prioridade"

Marina Blanco: "A prevención do tabaquismo na mocidade debe ser a prioridade"

A presidenta da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria cre que o incremento de prezos e a regulación de vapeadores e outras formas de consumo son positivos

Concorda coa pretensión de ampliar os espazos libres do fume do tabaco e destaca que a deshabituación require, moitas veces, varios intentos

G24.gal 08/04/2024 09:50

"Sen lugar a dúbidas". Así de contundente é a presidenta da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria cando se lle pregunta se é o momento de avanzar e tomar máis medidas para restrinxir o consumo de tabaco, en referencia ao plan. Marina Blanco exerce como pneumóloga no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, pero fala como cidadá cando asegura que basta con observar que "a alta porcentaxe de xente nova que vai fumando polas rúas é moi preocupante".

Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, esta profesional sanitaria dixo que o Plan integral de prevención e control do tabaquismo aprobado para os vindeiros anos acerta con medidas como regular a venda de produtos, "porque moitos mozos introdúcense no tabaco a través de vapeadores ou outras formas de fumar que aparentemente son menos daniñas, pero non é así: todos estes produtos teñen efectos prexudiciais para a saúde".

Como experta en doenzas asociadas ao tabaquismo, tamén cre que incrementar o prezo do tabaco, outra das medidas previstas, "pode ter repercusión nos máis novos, porque ao tratarse dunha poboación con menor poder adquisitivo, probablemente a suba de prezo teña impacto" nun menor consumo. E igualmente considera bo que se prohiban os aditivos como olores ou sabores que lles introducen aos dispositivos para facer máis atractivo o consumo.

Así que, na súa opinión, a prevención na mocidade "debe ser un dos puntos prioritarios, debe traballarse nos centros de ensino e en todos os lugares onde se mova a xente nova".

Respecto da ampliación da prohibición de fumar en espazos como as terrazas dos locais de hostalaría, Marina Blanco matiza que "hai moitos tipos de terrazas", e algunhas delas "non son ao aire libre en sentido estrito; son lugares menos pechados que o interior do local pero seguen sendo delimitados", polo que "o tabaco non só prexudica a quen o inhala, senón tamén ao seu contorno".

Desde o ámbito médico, a presidenta da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria lembra que "as axudas para deixalo son moitas", e pódese pedir esa axuda aos profesionais sanitarios. Blanco incide no que se avanzou tamén en deshabituación. "Hai anos tiñamos a sensación de que se se daba unha oportunidade e non se abandonaba xa non había nada que facer con esa persoa; hoxe a mensaxe é diferente: hai que seguir intentándoo, quen ten intención non ten que tirar a toalla". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade