Marlaska define como "violento" o asalto de xuño en Melilla e defende a resposta
Marlaska define como "violento" o asalto de xuño en Melilla e defende a resposta
O ministro do Interior di que a actuación da Garda Civil foi "firme, serena e proporcionada"
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou que a traxedia do 24 de xuño no valado de Melilla, en que morreron polo menos 23 persoas, foi un "intento intolerable e violento" de entrada irregular de 1.700 inmigrantes, polo que defendeu a resposta "firme, serena e proporcionada" do Estado.
O ministro compareceu no pleno do Congreso tres meses despois dos sucesos tras as repetidas peticións de explicacións por parte de todo o arco parlamentario e o mesmo día en que se renova o xuízo en Marrocos contra varios dos migrantes detidos polo asalto.
"É evidente que estamos a falar dun episodio de intento violento de entrada irregular que é inxustificable", remarcou o ministro tras relatar cronoloxicamente o que sucedeu no 24 de xuño na localidade marroquí de Nador na súa fronteira con Melilla.
Marlaska dixo que "un país democrático" de ningún xeito "pode aceptar que a súa fronteira e os axentes que a "custodian e protexen" se vexan agredidos "co lanzamento de pedras, paus e mesmo artefactos incendiarios caseiros" protagonizado por 1.700 persoas.